O SÁBADO 6 DE AGOSTO CELEBRARASE O VI TRÍATLON CONCELLO DE ARTEIXO

4 de Agosto de 2016

O VI Tríatlon Concello de Arteixo, penúltima proba do  Circuíto Galego de Tríatlon de Estrada e clasificatoria para o Campionato Galego 2016, celebrarase o sábado 6 de agosto cunha participación de gran nivel encabezada pola selección mexicana olímpica e Fernando Alarza ou Vicente Hernández. En total case 220 deportistas en liza entre a proba popular e as do circuíto.

A competición comezará ás 15:30 horas coa saída da popular (a partir da categoría infantil) e os participantes terán que facer distancias máis curtas (300 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe). A proba do circuíto disputarase sobre a distancia sprint (750-20-5).

Esta proba conta con deportistas de altísimo nivel tanto na categoría feminina coma masculina, polo que o espectáculo está garantido. Ás 18:00 horas darase a saída feminina, coa participación de Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo), a mexicana Claudia Rivas (Cidade de Lugo Fluvial), Marta Barbeito (A.D. Fogar), Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) ou a nadadora olímpica Bea Gómez (Motobike Galaico) entre outras.

Para a categoría masculina haberá dúas saídas: ás 16:30 h comezará a proba B, mentres que ás 17:50 horas será a saída elite masculina. Gozaremos coa presenza de deportistas que nun par de semanas competirán nos Xogos de Río, coma o triatleta do Grupo de Alto Rendemento do CGTD, Fernando Alarza; o tinerfeño Vicente Hernández (substituto de Javi Gómez Noya nos Xogos), a selección mexicana con Crisanto Grajales (Cidade de Lugo Fluvial) como máximo expoñente, e os nosos Pablo Dapena (Cidade de Lugo), Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse) ou Diego Paz (Arcade Inforhouse).

O Tríatlon de Arteixo terá como punto de saída, transición e meta a praia de Sabón e a natación realizarase no mar. O percorrido de bicicleta ten moitas pequenas pendentes polo que será bastante duro, mentres que a carreira a pe discorrerá polo paseo marítimo.

 Ano 2015. Marta Barbeito (A.D. Fogar) e César Ramiro Saracho (Tríatlon Arteixo) proclamáronse o pasado ano gañadores do V Tríatlon Concello de Arteixo, que tamén era unha proba do  Circuíto Galego de Tríatlon de Estrada e clasificatoria para o Campionato Galego 2015.

Quizáis che interese…