OS OLÍMPICOS FERNANDO ALARZA E CLAUDIA RIVAS, CAMPIÓNS DO VI TRÍATLON CONCELLO DE ARTEIXO

6 de Agosto de 2016

Fernando Alarza (Tri-Penta Terras de Lugo) e Claudia Rivas (Cidade de Lugo Fluvial), dous deportistas que dentro duns días estarán competindo nos Xogos de Río, proclamáronse hoxe vencedores do VI Tríatlon Concello de Arteixo, penúltima proba do  Circuíto Galego de Tríatlon de Estrada e clasificatoria para o Campionato Galego 2016. O Tríatlon de Arteixo contou cunha participación espectacular, con varios deportistas que estarán presentes en Río.

Na categoría masculina, catro olímpicos (Fernando Alarza, Vicente Hernández, Crisanto Grajales e Irving Pérez) partían coma os grandes favoritos. Na auga a novidade chegou da man de Alarza, que decidiu competir sen neopreno tentando simular a situación que esperan (aínda non está confirmado) en Río. Así saíu da auga na novena posición, pero moi preto, e ao abandonar a T1 enseguida se formou un grupo de cinco (os catro olímpicos e o galego Pablo Dapena) que estiveron xuntos ata a segunda transición.

Na carreira a pe, Fernando Alarza e Irving lograron deixar atrás ao seus compañeiros de escapada e na segunda volta o deportista do grupo de Alto Rendemento do CGTD atacou e tamén logrou despegarse de Irving Pérez para chegar en solitario a meta cun tempo de 59:55. A segunda posición foi para Irving Pérez (01:00:14) e o terceiro posto no podio foi ocupado por Crisanto Grajales, que veu remontando posicións. (01:00:44).

Na categoría feminina, dominio claro da olímpica Claudia Rivas (Cidade de Lugo Fluvial), que foi en cabeza dende o primeiro segmento e con moita superioridade sobre o resto. Na T1, a primeira posición foi para Claudia, mentres que por detrás saían as irmáns Carmen e Bea Gómez e un pouco máis atrás Joselyn Brea, que foi remontando.

Así, na entrada na T2 tras realizar o sector de ciclismo, a mexicana Rivas seguía líder destacada, pero por detrás ían cambiando as cousas. A venezolana Joselyn Brea logrou a terceira posición, por detrás de Carmen Gómez, e no segmento a pe, tamén foi capaz de remontar á pontevedresa para acadar a segunda posición na proba. Así o podio estivo formado por: Claudia Rivas (01:09:33) acadou o ouro, mentres que o segundo posto foi para Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo, 01:13:53) e o bronce para Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol, 01:15:44).

Os gañadores noutras categorías foron:

  • Cadete: Salomé Calviño (A.D. Fogar) e Iván Puentes (Tríatlon Ferrol).
  • Júnior: Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) e Marcos Ruiz (Tríatlon Ferrol).
  • Sub 23: Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse).
  • Veterán 1: Monserrat Hernández (Club Ciclista Riazor) e Iván Rubio (Tríatlon Arteixo).
  • Veterán 2: Andrés López (Tríatlon Vilagarcía)
  • Clubs: Tri-Penta Terras de Lugo (feminino) e Cidade de Lugo Fluvial (masculino).

O Tríatlon de Arteixo contou cunha participación de case 220 deportistas, xa que ademais da proba federada tamén se celebrou unha popular (a partir da categoría infantil), na que  os participantes fixeron distancias máis curtas (300 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe). A proba do circuíto disputouse sobre a distancia sprint (750-20-5).

CLASIFICACIONS TRIA ARTEIXO 2016

 

 

 

Quizáis che interese…