“Os ciclistas somos un vehículo máis, non un estorbo”

29 de Xaneiro de 2014

Dentro da campaña da FEGATRI para pedir respecto aos ciclistas, os triatletas que diariamente saen ás estradas toman a palabra para evitar máis bágoas.

Felipe Veiga, presidente do Club Triatlón Morrazo, aínda non puido volver coller a bici desde o seu accidente en decembro no que se lle saíu un cóbado. No regreso da súa ruta de Moaña, a súa localidade, até Vigo por estrada Nacional, un coche tirouno ao xirar á dereita sen velo. Á altura de Arcade, Felipe adiantaba aos vehículos parados nun semáforo nunha estrada sen beiravía suficiente e con coches aparcados no casco urbano, algo que reduce o espazo para os ciclistas.

“Para mellorar a nosa seguridade, sobre todo, é fundamental manter o metro e medio –distancia lateral mínima obrigatoria entre coche e bicicleta ao facer adiantamentos-”, apunta o moañés ao tempo que se refire á actitude dos condutores. “Que a xente non vaia tan crispada. Somos un vehículo máis pero vennos como un estorbo”.

Marcha ciclista

Instante dunha das sete marchas ciclistas organizadas pola FEGATRI

De tódolos xeitos, non só os condutores imprudentes se converten en ameazas para os ciclistas, tamén as administracións deberían mellorar aspectos como as condicións das vías.

Partindo da intención de axudar aos ciclistas, o carril bici da estrada Vigo-Baiona pode supor tamén un perigo para os deportistas. Blanca Labandeira, do Club Triatlón Mar de Vigo, tropezou cun dos badéns fixos de goma que delimitan a zona respecto ós carrís para o tráfico aínda que afortunadamente só lle provocou a inchazón dunha man. “Podía irme á estrada e que me atropelasen porque tamén colocan colectores de lixo no carril bici, aparcan coches e hai pouca separación entre os badéns, polo que é difícil esquivalos”, apunta a triatleta viguesa.

Accións que non respectan os espazos reservados para ciclistas como aparcar nun carril bici evidencian a importancia da concienciación. Tendo vivido no estranxeiro, Pablo Lencenella, do Club Triatlón Coruña, reduce as súas saídas ao paseo marítimo ou a unha ruta por Montesalgueiro que conta cunha ampla beiravía. “Fai tempo vivín en San Francisco, alí hai respecto polo ciclista. Habería que educar á xente para ter maior seguridade”, valora o triatleta hispano-arxentino.

Con ese espírito, a Federación Galega mantén a súa mensaxe para esixir o cumprimento da Lei de Tráfico que marca como mínimo un metro e medio entre ciclistas e vehículos cando deben convivir nas estradas.

Quizáis che interese…