OS COLECTIVOS DE CICLISMO E TRÍATLON REIVINDICARÁN MAIOR SEGURIDADE NAS ESTRADAS

24 de Maio de 2017

Varios atropelos a ciclistas, algúns con vítimas mortais, sacudiron recentemente as noticias publicadas polos medios de comunicación. Lamentablemente, o goteo de falecidos e feridos nas estradas mentres practicaban deporte ou se trasladaban en bicicleta é moi superior. Por este motivo, e ante a tendencia alcista de accidentes, os colectivos de ciclismo e tríatlon de todo o país buscan unir forzas e alzar a voz para tratar de frear os alarmantes números de accidentes a través da concienciación e a educación no respecto dos condutores. Con todo, sobre a bicicleta vai unha persoa, unha vida, e sen dúbida o ciclista é a parte máis vulnerable dos diferentes vehículos que deben compartir as rúas e estradas.

         Desta forma, o vindeiro domingo 28 de maio de 2017 foi o día elixido para que os ciclistas e triatletas de todo o país realicen, en boa parte das capitais das diferentes Comunidades Autónomas de España, concentracións reivindicativas co obxectivo de facerse ver e escoitar, co único fin de concienciar ao resto de condutores da fraxilidade das bicicletas nas estradas. Así mesmo, tamén haberá unha mensaxe clara e nítida para as administracións, dada a necesidade de levar a cabo medidas que contribúan a reducir a accidentalidade ciclista e a endurecer a lexislación vixente ante o gran número de atropelos, mesmo mortais, con estupefacientes e alcol polo medio, no que os culpables non teñen que asumir ningún tipo de responsabilidade ante a xustiza. 

         As Federacións Españolas de Ciclismo e Tríatlon encabezarán esta xornada reivindicativa, á que se unirán o resto de federacións territoriais, clubs deportivos e colectivos ciclistas en xeral. Institucións que lembran que hai medidas tan sinxelas como adiantar aos ciclistas gardando unha distancia lateral mínima de 1,5 metros que contribúen a evitar contratempos e accidentes.

Tamén en Santiago de Compostela

En Galicia, a capital autonómica será a cidade que acollerá a concentración pacífica do 28 de maio de 2017; o escenario elixido é a Praza do Obradoiro e a hora prevista para o inicio do acto serán as 11:00 horas. O obxectivo é reunir ao maior número de persoas posible para facer máis visible o problema ao que se enfrontan os ciclistas e triatletas. Nas diferentes sedes de todo o país, lerase un manifesto, realizarase unha ofrenda floral e gardarase un minuto de silencio polas vítimas mortais de atropelos.

MANIFESTO

Quizáis che interese…