A selección galega de Péntatlon Moderno acadou un total de cinco medallas (dous ouros e tres pratas) no Campionato de España por Comunidades Autónomas que se celebrou o domingo 21 en Santander. Galicia foi a este torneo cun equipo de só dez deportistas debido a varias baixas de última hora, polo que os resultados acadados foron bos en liñas xerais, dadas as condicións nas que se atopaba a selección.
Os mellores resultados para Galicia chegaron en infantil feminino con dobrete no podio. Mercedes Vila (Tri-Penta Terras de Lugo) acadou a medalla de ouro, e ao seu lado estivo a súa compañeira de club Claudia Gámez que logrou a segunda posición. Ademais hai que destacar o ouro de Mireia Vázquez Liz (Terras de Lugo) en benxamín feminino. Carla Cortón (Tri-Penta Terras de Lugo) acadou a medalla de prata en prebenxamín, mentres que Manuel Cobas Dobarro (Tri-Penta Terras de Lugo) tamén foi segundo na súa categoría (benxamín).
O próximo compromiso será en Soria na primeira fin de semana de xuño (3-4) na que se disputará o Campionato de España Escolar de Biatlon e Laser Run.