Pontevedra acolle a Copa do Mundo nun domingo histórico para o triatlón galego

20 de Xullo de 2022

O planeta triatlón estará pendente esta fin de semana do que aconteza en Pontevedra. A cidade do Lérez exercerá de escenario da quinta xornada da Copa do Mundo, un certame que por primeira vez chega a Galicia. A do domingo vai ser unha cita histórica na que ademais das grandes figuras internacionais tamén van competir 280 triatletas autonómicos na XXI edición do Cidade de Pontevedra. Unha festa a todos os niveis

O programa da Copa do Mundo, evento que serve de test para a Gran Final das Series Mundiais que Pontevedra vai acoller o vindeiro ano, arranca o venres pola tarde coa entrega de dorsais. A xornada do sábado está reservada á familiarización co circuíto: ás 10:30 horas efectuarase o recoñecemento do sector de natación e ás 17:00, o de ciclismo.

O domingo chegará a quenda das carreiras. A feminina, con 59 atletas inscritas, arrancará ás 10:15 horas, mentres que a masculina porase en marcha ás 13:15 con 67 participantes. A primeira transición efectuarase na Avenida de Bos Aires e tanto a segunda transición como a chegada á meta terán lugar nas instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD).

Tres galegos en liza

A Copa do Mundo dispútase en formato olímpico (1.500 metros de natación, 40 kilómetros de bicicletas e 10 km de carreira a pé) e reparte puntos na carreira cara os Xogos de París 2024. Medíndose ás mellores e aos mellores especialistas do planeta estarán tres triatletas galegos.

Antonio Serrat, o vigués do Cidade de Lugo Fluvial, afronta un dos seus grandes obxectivos da temporada e forma parte da nómina de candidatos á vitoria. Pola súa banda, o Náutico de Narón conseguiu clasificar a dúas representantes para esta cita: a naronesa Sara Guerrero reencóntrase coa Copa do Mundo e a sub23 bueuesa Natalia Castro fará o seu debut neste certame.

 

XXI Triatlón Cidade de Pontevedra

Tras o espectáculo ao máis alto nivel na dobre sesión matinal, pola tarde o calendario autonómico collerá a remuda no mesmo escenario. O XXI Triatlón Cidade de Pontevedra, a última parada do circuíto galego do 2022, outorgará 45 billetes para o Campionato de Galicia que se celebrará o 3 de setembro en Ferrol.

Os 220 homes anotados nesta proba lanzaranse á auga ás 16:30 horas e as 60 mulleres farano ás 18:00. Esta fin de festa presenta un desafío en distancia esprint (750 m de natación, 20 km en bicicleta e 5 km a pé).

Quizáis che interese…