ROBERTO SÁNCHEZ E INÉS SANTIAGO, CAMPIÓNS DE ESPAÑA DE TRÍATLON NA CATEGORÍA JÚNIOR

20 de Xuño de 2015

Roberto Sánchez Mantecón (Universidade de Alacante) e Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) proclamáronse hoxe en Pontevedra campións de España júnior de tríatlon. Magníficos resultados para o tríatlon galego nas primeiras probas do Campionato de Pontevedra, porque ademais, Carmen Gómez foi prata, Andrés Cendán, bronce, e o Tríatlon Ferrol proclamouse campión de España júnior na categoría feminina, mentres que Cidade de Lugo foi prata. Na categoría masculina, título para o Arcade Inforhouse.

 

A competición desta fin de semana do tríaton en Pontevedra comezou coa proba júnior masculina. Ás dez da mañá saltaron as augas do río Lérez (19 grados) os máis de cen participantes, e dende o inicio veuse claro que os galegos querían ser protagonistas na súa terra, con Castiñeira como principal espada. Da auga saíron nas primeiras posicións, Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse) xunto con Ignacio González (Arcade Inforhouse) e Plácido Benegas (Diablillos de Rivas). Na bicicleta, Castiñeira e Ignacio marcaron un ritmo moi alto, e abriron importantes distancias, aínda que Ignacio foi quedándose descolgado. Por detrás, Roberto Mantecón foi remontando posicións: Primeiro para superar a Castiñeira e despois para irse en solitario e chegar con moita comodidade á liña de meta. Así o título de campión de España foi para Roberto Sánchez cun tempo de 59:05, mentres que a prata foi para un dos favoritos, o deportista do Arcade Inforhouse, Ignacio González (59:26), e o bronce para o galego Andrés Cendán (Talleres David Compostela) cun tempo de 59:53. Ademais, hai que destacar a quinta posición de Alberto Castiñeira (Arcade) que foi o gran protagonista da proba (01:00:23) e que pagou na carreira a pe que arrastraba algúns problema físico.

 

Na clasificación de clubs júnior masculinos, título de campión de España para o Arcade Inforhouse grazas a Ignacio González, Alberto Castiñeira e Raul García).

 

A categoría feminina comezou só cinco minutos despois da masculina e tamén cun ritmo altísimo na auga. Saíu do río na primeira posición Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol), magnífica nadadora, seguida moi de preto pola súa compañeira de equipo Inés Santiago e Cecilia Santamaria. Na saída da transición, Carmen e Inés xuntáronse para enfrontar un segundo segmento que foi decisivo. Traballaron arreo par abrir distancias co pelotón no que estaban Cecilia e Luna, dúas das favoritas para loitar polo triunfo. Elas sabían que enfrontar o último sector con vantaxe sería clave e lograron uns 50 segundos ao seu favor. Así que todo ía decidirse entre as dúas na carreira a pe e aquí apreciouse que Carmen está saíndo dunha lesión no pe e atópase falta de adestramentos. Inés, no seu salto de categoría, segue amosándose moi forte, e logrou un título de campioa de España cun tempo de 01:06:33. Podio, moi galego, con Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) na segunda posición (01:07:24) e bronce para Claudia Luna (Mataró), que partía coma unha das favoritas (01:07:39). A tamén galega, Sara Guerrero (Tríatlon Ferrol) ocupou a quinta posición cun tempo de 01:08:25. Tres deportistas galegas no top-5 do campionato de España.

 

Ademais, na clasificación de clubs, o Tríatlon Ferrol proclamouse campión de España na categoría feminina, mentres que o Cidade de Lugo ocupou a segunda posición.

 

 

Declaracións Inés:

A galega explicou como foi a proba: “Dende o inicio, estiven en cabeza, traballando coa miña compañeira Carmen Gómez en bici, porque sabíamos que nos beneficiaba porque as nosas rivais estaban moi fortes na carreira a pe. Así, baixamos a correr sabendo que o triunfo estaba entre nós as dúas e aí veuse quen era era a máis forte, porque  Carmen está un pouco lesionada”. A galega, que coñecía a perfección o circuíto, explicou que estaba adestrando moi ben: “Estou contentísima, estiven adestrando moi ben todos estes meses, e viña con moitas ganas, pero gañar sempre é unha sorpresa”.

 

 

 

Quizáis che interese…