Roi Cuba: “A maior parte das infraccións son por descoñecer o regulamento”

29 de Novembro de 2013

“O primeiro tríatlon que fixen -neste caso, un dúatlon- foi en Carballo e a miña misión era de axudante do oficial encargado da zona de transición, que era Roi. A verdade é que sempre o recordo porque Roi me axudou moito ese día e empezou a fraguarse unha amizade que perdura, os dous fomos xuntos ao curso de Nivel 3 a Madrid e este ano iremos xuntos á reciclaxe”, lembra Tucho Barreiro, xuíz dende 2004, exemplificando o espírito da arbitraxe no tríatlon galego.

Xuntanza 2013 dos xuíces galegos

Xuntanza 2013 dos xuíces galegos

A FEGATRI organiza en xaneiro o curso de xuíz-oficial Nivel 1 polo que cada ano pasa un novo grupo de afeccionados ao deporte.

Despois duns anos competindo, Roi Cuba viu en arbitrar a posibilidade de participar nos tríatlons do calendario que non podía correr, vivíndoos máis intensamente que como espectador.

Ao igual que Roi, o santiagués Tucho Barreiro é hoxe oficial Nivel 3, o que lles permite chegar a arbitrar probas continentais. No caso de Tucho, o tríatlon só lle soaba familiar polo quinto posto logrado por Iván Raña na estrea do deporte nuns Xogos Olímpicos e foron seus fillos quen o introduciron na especialidade, primeiro na directiva do Bricosa, hoxe Arcade Inforhouse de Santiago, e máis tarde como xuíz.

De título Nivel 1 pode presumir Arantxa Tomé quen, como pontevedresa, non perdeu as Copas de Europa da cidade e, tras o campionato de Europa de 2011, decidiu formar parte da familia do tríatlon galego.

Todos hoxe forman parte das decenas de xuíces da FEGATRI que deben facer respectar o regulamento para que tódolos triatletas compitan coas mesmas condicións. “Durante o esforzo da proba, sei que é imposible lembrarse de todo o regulamento pero antes da carreira todos os participantes deberían ler a normativa. O que está claro é que a maior parte das infraccións son por descoñecemento do regulamento”, valora o lucense Roi Cuba co engadido que supón a súa condición de triatleta. “Sempre que remato unha carreira coa sensación de dalo todo, estou satisfeito independentemente do resultado pero lembro o Tríatlon de Cangas do 2009, porque en esa ocasión o meu resultado axudou a que o equipo, o Cidade de Lugo Fluvial, gañara o Ranking de Clubs”.

No caso contrario atopouse Arantxa, no seu segundo ano arbitrando debutou como triatleta. “O Tríatlon de Arteixo foi unha superación persoal en tódolos aspectos, polas ondadas e a resaca do mar e porque era a primeira vez que montaba en bicicleta despois dun accidente”.

Bicicleta de Javi Gómez Noya na área de transición de Vigo

Bicicleta de Javi Gómez Noya na transición de Vigo

Ao igual que para os deportistas, os xuíces pasan por bos e por no tan bos momentos. Tomar decisións implica mesmo penalizar a medallistas olímpicos. “No campionato de España de Vigo de 2011 estaba de responsable da zona de transición, o noso campionísimo Gómez Noya deixou a bici colgada nas barras por un punto do guiador, algo que se permite nas probas ITU pero non nos nacionais, e tivo que parar no penalty box os segundos regulamentados. Aínda así, gañou a carreira pero foi duro sancionalo porque estaba afeito ás normas ITU”, lembra Tucho Barreiro, que garda máis experiencias polémicas. “Na Copa de Europa de 2008 encomendáranseme tarefas na área de transición e, cando chegou en primeiro lugar a campioa portuguesa Vanessa Fernandes –que ese verán se coroaría subcampioa olímpica en Pequín- do segmento de bici para empezar a carreira a pé, non era quen de desabrochar o casco de tanto frío no corpo polas baixas temperaturas. Todo o público berrábame ‘Pero axúdaa, home!!’, mesmo insultábanme, pero eu tíñame que cinguir ao regulamento”, relata Tucho referíndose á norma de axuda externa que implicaría a descualificación da triatleta de non desabrochar o casco soa.

Deste xeito, os xuíces galegos cumpren os distintos papeis que lles toca interpretar. “Creo que facemos cumprir as normas pero tamén entendemos situacións onde advertimos máis que sancionar. Tentamos axudar ao triatleta”, recoñece Arantxa Tomé. Máis no caso dos nenos. “A primeira vez que arbitrei foi un dúatlon escolar no que tiña que estar pendente de que os participantes puxeran o casco, indicarlles o circuíto e axudarlles aos máis cativos a sacar as bicicletas dos soportes”, rememora Roi Cuba a piques de cumprir os seus 100 tríatlons como xuíz.

Se, coma eles, queres formar parte do tríatlon galego e contribuír facendo del a potencia mundial que é en tódolos aspectos, faite xuíz.

Quizáis che interese…