Tras o curso de reciclaxe para xuíces organizado en Santiago pola FEGATRI, o colectivo comeza 2014 preparado para unha temporada cargada de retos como o Mundial de dúatlon de Pontevedra, os campionatos de España de dúatlon por equipos e por relevos de Noia, o campionato de España de tríatlon escolar de Allariz ou o aumento das probas de media e longa distancia.
Xa que o tríatlon é un deporte relativamente moderno, a FEGATRI e os seus xuíces fan un esforzo por achegar aos deportistas os regulamentos que deben ser consultados antes de competir, tanto os xerais como os específicos de cada proba.
Se non se nos ocorrería xogar ao fútbol cunha pelota de golf, por que acudimos a un tríatlon sprint con acoples na bicicleta só permitidos en probas sen drafting?
O descoñecemento das normas (que poden ser consultadas na nosa web https://fegatri.org/xuices/regulamentos/) provoca unha infinidade de erros non premeditados.
Por iso, repasamos os máis habituais en Galicia partindo dunha norma elemental: levar o casco abrochado en transición. Recibir unha tarxeta amarela se desabrochamos o casco mentres estamos en contacto coa bicicleta, obrigándonos os xuíces a parar para rectificar, fai que moitos triatletas perdan máis tempo do que tentaban gañar e acumulen unha tarxeta que por outro erro sancionable rematará en descualificación.
Porque se entende que pisar a liña de montaxe ou non ter os dous pés no chan antes da liña de desmontaxe pode acontecer sen intención aínda que sexa máis prudente non arriscar e facelo correctamente coa antelación suficiente para evitar sancións.
Algo que exemplifica o descoñecemento das normas nun deporte novo como é o tríatlon vese mesmo antes de comezar a nadar xa que sempre hai que ter claro que para pasar o control de material hai que acudir identificado con licenza ou DNI, co casco abrochado para que os xuíces comproben que cumprirá a súa finalidade en caso de caída e coa bicicleta axeitada para a competición. Segundo Tucho Barreiro, “pécase moito cos acoplamentos nas probas sprints que ás veces nos obrigan a ter que rexeitalos” ou a que o triatleta se vexa obrigado a buscar as ferramentas precisas para modificar que, no caso dos tríatlons sprints ou de distancia curta nos que está permitido o drafting, os acoples non deben superar a parte máis adiantada do manillar e que, ademais, os extremos deben estar unidos cunha peza ríxida.
A súa experiencia como oficial Nivel 3 fai que Tucho teña unha ampla lista de erros. “Unha das normas que os triatletas incumpren moi a miúdo é non coñecer os circuítos das probas, é moi doado que che pregunten durante o percorrido cantas voltas lle faltan”, algo que é só responsabilidade do deportista.
Xa coa intención de sacar vantaxe sobre os rivais, os xuíces galegos constatan que habitualmente os triatletas acurtan o percorrido nos conos do circuíto, pasan por debaixo das barras na transición ou reciben axuda externa.
Neste último apartado, é preciso clarexar que a única axuda que se lle pode proporcionar a un triatleta é de avituallamento por parte doutro deportista ou facilitado no seu caso pola organización en determinados puntos. É sancionable ser axudado a levantarse tras unha caída, a arranxar problemas mecánicos da bici, recibir bebidas do público ou facilitar un xiro agarrándose a elementos fixos como farolas, árbores ou valos.
“Recibir axuda externa sanciónase poucas veces porque é difícil de detectar polos xuíces. Como deportista, considero o tríatlon un deporte no que o importante é o esforzo individual e todos os participantes deben ter igualdade de oportunidades”, recoñece o oficial e triatleta Roi Cuba.
Tampouco está permitido, como lembra Miguel Sánchez, abandonar o material durante a competición. “Nunha transición cando se cae unha zapatilla da bicicleta, se acostuma abandonar”. Vai contra o regulamento tirar os restos dos suplementos enerxéticos ao chan ou botar ao público gafas e guantes cando xa non os precisamos.
Para evitar estas dúbidas, a lectura dos regulamentos é un básico para todo triatleta que atopará sen interpretación o comportamento que debe seguir no segmento ciclista no referente ao drafting. Sen excepción, homes e mulleres nunca poden ir a roda un dos outros no tempo no que coincidan en competición e tampouco os triatletas que teñan sido dobrados poderán aproveitar a estela das bicicletas que xa levan máis voltas ca eles. Ademais, nun 2014 no que o drafting estará prohibido no Ironman das Pontes, nos tríatlons de media distancia da Coruña e de Vigo e no tríatlon distancia curta Rías Baixas, os triatletas non poderán ir a roda entre eles e deberán circular con 10 metros de distancia por diante ou por detrás e 3 metros laterais que só poden ser invadidos momentanemente en caso de adiantamento.
Se despois deste breve repaso cres que serás un mellor competidor en 2014, só che queda lembrareste de cruzar a meta co dorsal visible, cara adiante no tramo de carreira e nas costas na bici.
Se pensas que podes estar a cometer máis erros por falta de coñecemento, consulta os regulamentos ao completo ou introdúcete moito máis nas normas facendo o curso da FEGATRI para xuíces-oficiais nivel 1 que se impartirá o 11 de xaneiro e para o que o prazo remata xa o 2 de xaneiro de 2014.
Sen esquecer que, se as túas inquedanzas pasan por converterte en adestrador, a data límite para inscribirse no curso de nivel 1 é o día 3 de xaneiro, onde tamén se repasarán os regulamentos a cargo de Mónica Flores, responsable de xuíces en Galicia.