A galega Susana Rodríguez proclamouse hoxe campioa de Europa de Paratriatlon en Kitzbühel (Austria), na categoría PT5 (deportistas con impedimentos visuais) nunha emocionante final fronte a británica Melissa Reid.
Susana, que competía xunto a súa guía Mayalen Noriega, saíu da auga na segunda posición, por detrás de Melissa Reid, que defendía o título do 2013. Era máis de 40 segundos para a británica, pero na bicicleta a galega non só logrou alcanzala, senón que foi quen de poñerse en cabeza e con bastante tempo de vantaxe. Pero aínda quedaba a carreira a pe e Reid normalmente é moi rápida no último segmento. Hoxe volveu a facelo para presionar a Susana, que soubo administrar o tempo para chegar a meta na primeira posición cun tempo de 1:12:06. Segunda e medalla de prata foi Melissa Reid (1:12:28) e terceira Alison Patrick (1:14:30).