Os soños ás veces cúmprense e este domingo 11 de setembro (11:30 hora de Río, cinco horas máis en Galicia) Susana Rodríguez Gacio cumprirá o seu. Dende pequena soñaba con participar nuns Xogos e a galega acadou a súa clasificación a primeira vez que o tríatlon está incluído no programa paralímpico.
Así enfronta coa maior das ilusións unha cita moi complicada no aspecto deportivo. En Río estarán as mellores especialistas da súa categoría PT5 (deportistas con discapacidades visuais) e Susana chega con moi pouco tempo de adaptación á súa nova guía, Mabel Gallardo, coa que só leva catro meses traballando: “Dende que en maio decidín comezar a preparar os Xogos con ela fixemos tres concentracións: unha curta en Aguilas, outra de 13 días en Lanzarote e outra de tres semanas en Serra Nevada. Nelas incidimos nos aspectos técnicos que requiren coordinación entre as dúas”, manifestou a triatleta. A favor teñen que a comunicación entre elas é excepcional, segundo explica a propia deportista: “É certo que houbo pouco tempo, pero creo que chegamos moi ben, estamos ben coordinadas. Mabel traballou moito na bicicleta, que é no que máis me pode beneficiar. A pesar de que o cambio de guía foi un pouco precipitado, vai ter a súa parte de beneficio. Penso que deportivamente non vai a supor un problema, pero a nivel motivacional estou con moitísimas máis ganas e ilusión de facelo ben”.
Con respecto á competición a viguesa pensa que “vai ser unha proba moi rápida, polo que vai ser máis difícil remontar o tempo de compensación cos deportistas B1 (cegos total)”. Aínda que iso pode ser prexudicial para Susana, tamén ten claro que “vai ser clave manter a calma, ter a cabeza fría, xa que nos enfrontamos a unha proba na que ningunha deportista participamos antes, un Xogos”. As distancias serán de 750 metros de natación, 22,28 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pe.
En principio parte como gran favorita a actual campioa do mundo Katie Kelly, pero ademais están as británicas Alison Patrick e Melissa Reid ou a holandesa Joleen Hakker (B1). Todas as mellores e entre elas, Susana.
O obxectivo de Susana é claro: “Ser o mellor que eu poida ser, facer a miña mellor carreira de sempre e con iso estarei satisfeita. O que veña a maiores, será benvido, pero o que depende de min é so iso”.