SUSANA RODRÍGUEZ GACIO, QUINTA NOS XOGOS PARALÍMPICOS

11 de Setembro de 2016

A galega Susana Rodríguez Gacio acadou hoxe a quinta posición nos Xogos Paralímpicos de Río na categoría PT5 (deportistas con discapacidades visuais), nunha proba que se decidiu na bicicleta.

Na natación Susana e a súa guía Mabel Gallardo estiveron ben e fixeron unha gran transición na que recortaron uns segundos moi importantes ás súas rivais. Saíron da T1 na cuarta posición a 40 segundos da primeira clasificada, coa confianza de recuperar tempo nos dous seguintes segmentos que é onde son máis potentes. Pero na bicicleta as nosas deportistas non se atoparon excesivamente cómodas, mentres que Reid ía en cabeza por diante de Hakker, Patrick e Kelly. Susana e a súa guía ían atrancadas e volta a volta foron sumando segundos en contra  ata chegar á T2 con case dos minutos de desvantaxe (sextas) e aínda que lograron remontar unha posición nos dous primeiros quilómetros, xa non houbo tempo para máis.

A australia Katie Kelly, actual campioa do mundo, proclamouse campioa paralímpica na categoría PT5 cun tempo de 01:12:18, mentres que segunda foi Alison Patrick (1:13:20) e o bronce foi para Melissa Reid (1:14:07). A quinta posición foi para a viguesa Susana Rodríguez (1:15:29).

 

 

Quizáis che interese…