TRECE INFOGRAFÍAS CON MAPAS PARA GUÍAR AS CARREIRAS DO FESTIVAL MULTIDEPORTE PONTEVEDRA 2019

17 de Xaneiro de 2019

Un total de 13 infografías con todos os datos necesarios para o seguimento e a percepción de cada carreira do Multisport 2019 foron presentadas onte no Concello de Pontevedra pola concelleira de deportes de Pontevedra, Anxos Riveiro, e o autor do traballo, o deseñador pontevedrés Xan Sabarís.
Riveiro agradeceu “o magnífico traballo informativo, dirixido tanto a deportistas como ao público en xeral”, e mostrouse orgullosa de que o traballo se elaborara en Pontevedra. Dixo ademais que estaba moi satisfeita co desenvolvemento dos preparativos do Multisport: “Iniciamos moi ben o ano co campionato de España de Ciclocrós, nun gran ambiente e con moitísima participación; estou segura de que será un moi bo precedente para o Multisport”.
 
O autor dos mapas, Xan Sabarís, do estudo pontevedrés Sabarís Media, dixo que a maior dificultade foi conseguir unha gran versatilidade entre a información que necesita o gran público e a dos propios deportistas: “Creo que chegamos ao momento certo que necesitaban estes dous tipos de público”, indicou satisfeito.
 
Cada unha das carreiras que levarán a cabo entre os días 27 de abril e 5 de maio aparecen “radiografiadas” nas infografías elaboradas, nas que o público pode realizar un seguimento da carreira desde onde prefira, e os deportistas poden atopar toda a información necesaria sobre altitude, segmentos, puntos de abastecemento, servizos mecánicos, puntos de retorno, así como as distancias de cada carreira e o número de voltas necesario para completalas.
 
Os mapas poden descargarse ou consultarse neste enlace: https://pontevedra2019.org/itu/servicios/mapas-de-carreras/
 

Quizáis che interese…