UXÍO ABUÍN, NOVENO NA COPA DE EUROPA DE QUARTEIRA

12 de Abril de 2014

Uxío Abuín, coa novena posición, foi hoxe o mellor galego nas probas de elite da Copa de Europa de Quarteira (Portugal), a primeira da presente tempada. Na categoría feminina, María Ortega (do grupo de Alto Rendemento do CGTD) foi a primeira española coa 12ª posición. Hai que recordar que esta proba da puntos para o ránking mundial.

A proba feminina foi a primeira en celebrarse coa participación das galegas Melina Alonso e María Ortega, ambas no Grupo de Alto Rendemento do CGTD, que aspiraban a meterse no top-ten da proba. María estivo moi preto, con esa 12ª posición, mentres que Melina Alonso non puido rematar por culpa dun mareo que a obrigou a abandonar.

Na categoría masculina, o mellor galego dos participantes foi Uxío Abuín, que logrou a novena posición e meterse no top-ten da proba. Uxío estaba moi satisfeito ao remate da competición, xa que tivo moi boas sensacións na auga. Na carreira a pe notouse un pouco falto de ritmo, pero aínda así foi quen de chegar ao sprint con dous deportistas e lograr adiantalos nos metros finais. O primeiro español foi David Castro (que a semana pasada logrou proclamarse campión de España de Duatlón), e o resto dos deportistas galegos non lograron entrar entre os vinte primeiros, que son os postos que outorgaban puntos para o ránking (Ricardo Hernández foi o 22). A proba disputouse sobre a distancia olímpica (1.500 de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe) e había unha importante participación con equipos de Francia, Portugal e Inglaterra.

Mañá domingo será a quenda para os júnior. As rapazas serán as primeiras en competir (8:45 horas) e os chicos farano ás 10:00 horas. En júnior, a distancia será sprint (750 natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe). Aquí as e os galegos (Inés Santiago, Sara Guerrero, Carmen Gómez, Carla Castaño, Antonio Serrat e Andrés Cendán) esperan estar loitando polos primeiros postos, a pesar da importante participación. Na proba masculina están inscritos 77 deportistas e na feminina, 68.

 

Quizáis che interese…