Habitual en probas ITU dende 2009, Uxío Abuín prosegue a súa carreira cara o éxito no campionato do Mundo sub-23 de tríatlon que se disputa este xoves en Londres.
Aínda que a proba lle chega en plena recuperación do calcáneo, Uxío Abuín (Lestrove, 1990, Triatlón Ferrol) promete a máxima entrega no circuíto olímpico de Hyde Park.
- O camiño a Rio 2016 comeza no Mundial sub-23 de Londres?
- Non é absoluto e non ten que ver coa clasificación olímpica pero moitos dos que están arriba non van chegar por idade e os sub-23 xa son dos primeiros actualmente como Jonathan Bronwlee, Mario Mola ou Henri Schoeman.
- Asinas finalizar en top-10 no Mundial?
- Si, é o obxectivo que me marquei.
- A túa estratexia de carreira baséase na natación?
- En natación estou nun estado de forma bo e teño pensado forzar para saír no primeiro grupo e ver se hai unha escapada en bici para baixarme a correr adiante.
- E en canto pensas que poderías correr en Londres?
- Estiven tocado do pé e case tres semanas sen correr porque me acabei de lesionar no Tríatlon do Miño que gañei. Case non corrín nada e perdín forma pero agardo facer 31-32 minutos.
- Non será o teu debut despois do Mundial de Auckland en 2012.
- O único problema daquela fora que cheguei enfermo e era a última proba da temporada. Neste fixen un bo traballo en verán na casa.
- Volves a Galicia despois de seis anos no CAR de Madrid, como valoras o teu 2013 nas Series Mundiais, e, por exemplo, cun cuarto posto no Europeo sub-23 e a sexta praza na Copa de Europa de Banyoles?
- Este ano en case tódalas carreiras penso que mellorei bastante con respecto ao ano pasado, fun máis regular.
- Que queres mellorar de aquí a Rio 2016 co grupo liderado por Omar González no CGTD?
- O obxectivo é seguir mellorando na natación porque é onde se fan os cortes e tamén o segmento ciclista para baixar a correr fresco porque confío na miña carreira.
- Decidindo volver a Galicia para adestrar, por que cres que a Federación Galega ten tanta representación no Mundial?
- En Galicia houbo nivel dende que se iniciou con Iván Raña e Javi Gómez Noya e cada vez chaman máis a atención estes dous cracks. Eu empecei vendo a Gómez Noya como un ídolo.
Uxío Abuín afronta este xoves 12 de setembro ás 16.00 horas o campionato do Mundo sub-23 de tríatlon –horario en Galicia-.