O director técnico da Federación Galega de Tríatlon, Luis Piña, acompaña aos triatletas galegos que esta semana buscan cumprir os seus distintos obxectivos nos Mundiais de Londres.
A Fegatri pode presumir de estar representada polo ferrolán Javi Gómez Noya en elite, o dodrense Uxío Abuín en sub-23 e os vigueses Antonio Serrat e Susana Rodríguez Gacio en junior e TRI-6b.
Ademais, a selección española que acude a Hyde Park se nutre de triatletas de clubs galegos con Fernando Alarza (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial) en sub-23 e Laura Gómez e Tamara Gómez (Triatlón Ferrol) en junior e sub-23, ao que hai que engadir os internacionais do club lucense, a chilena Bárbara Riveros Díaz e os mexicanos Crisanto Grajales e Irving Pérez en elite, os chilenos Gaspar Riveros e Tomás Olavarría en sub-23, e o mexicano Eduardo Moreno na proba junior, sumando un total de 14 deportistas marca Fegatri.
- A pregunta para tódolos galegos que compiten en Londres é porque cren que Galicia ten tantos deportistas nos Mundiais, cal é a túa teoría?
- Non hai unha única razón. Que en liñas xerais se traballa ben a nivel Federación e clubs. Póñense moitos medios que se facilitan aos deportistas.
- Moitos dos galegos e os triatletas dos nosos clubs adestrarán a próxima temporada no CGTD, que se está facendo ben en Pontevedra para que quixeran vir?
- Sobre todo a idea de crear un grupo afín. A cuestión radica en crear un grupo rico en nivel e que uns tiren dos outros. Á marxe, Pontevedra como cidade e institucionalmente ten bos medios e a Federación dálles facilidades.
- E que se espera da nova xeración que entra no CGTD e dos cadete se juniors que continúan adestrados por Jonathan Cancela?
- Dirao o tempo. As perspectivas son boas porque nos Mundiais estamos representados en tódalas categorías e iso quere dicir que hai relevo xeracional para chegar á elite.
- Un dos triatletas que xa son produto da tecnificación da Fegatri é Antonio Serrat. De que o ves quen de conseguir no Mundial junior?
- Sendo o seu primeiro Mundial, sobre todo ten que aprender e o que veña, benvido sexa. En carreira a pé ten moito potencial. Ten opcións pero sen esixencias.
- En sub-23, quen se unirá dende a próxima temporada á actividade do CGTD será Uxío Abuín. Que esperanzas ten postas en el a Fegatri?
- Sempre foi un triatleta de moita calidade e foi madurando ano a ano. Uxío nas últimas semanas tivo problemas de lesión e quizais non o colla no mellor momento. Non me gusta facer quinielas pero partimos de que xa demostrou o seu nivel en elite nas Series Mundiais e en Copas ITU.
- E coñecendo a Susana Rodríguez mellor que ninguén ao ser o seu adestrador, cres que é posible repetir título mundial en tríatlon e facerse co de ácuatlon?
- O ácuatlon é unha posta a punto para o tríatlon e Susana ten opción e vai por elo. O estado de forma é perfecto pero non hai moitas diferenzas entre as tres favoritas ao podio.
- Con tanto galego competindo en Londres esta semana, o domingo Javi Gómez Noya vai notar menos que os Brownlee xogan na casa. Que opcións lle ves de gañar? E de ser campión do Mundo?
- Aínda que estatisticamente non dependa de el mesmo, ao pouco, el fará o que teña que facer que é gañar e despois xa se verá. El vai ir a gañar.
Segue toda a actualidade dos galegos na nosa web e redes sociais.