UXÍO ABUÍN, SÉTIMO NA COPA DO MUNDO DE TRÍATLON DE PALAMÓS

14 de Xullo de 2013

Uxío Abuín segue dando pasos moi importantes nunha magnífica tempada. Ao excepcional cuarto posto acadado no Europeo sub 23 hai dúas semanas, hai que sumarlle o sétimo posto acadado hoxe na Copa do Mundo de Tríatlon de Palamós que lle da moitos puntos para o ranking mundial.  Na proba feminina, Marta Jiménez foi 26.

 

Na categoría masculina había unha moi numerosa e exixente participación polo que o posto de Uxío ten moito mérito. O galego saíu bastante retrasado da auga, onde os especialistas na natación abriron un importante oco, pero despois, nos posteriores segmentos se igualaron as forzas. Así, todos os que remataron nas primeiras posicións foron remontando dende atrás. Uxío seguiu ao seu ritmo, sen desanimarse, e remontando postos, principalmente na carreira a pe onde se sentiu moi cómodo a pesar da tremenda calor. Finalmente logrou unha magnífica sétima posición cun tempo de 01:49:38 (segundo español por detrás de Vicente Hernández, que foi sexto). O gañador da proba foi o británico Mark Buckingham cun tempo de 01:48:50.

 

Na categoría feminina, Marta Jiménez, que leva unha tempada moi complicada por culpa das lesións, finalizou nunha discreta 26ª posición. O obxectivo da galega nestes momentos é ir collendo ritmo competitivo, despois de varios meses parada por culpa dunha longa lesión no ombro esquerdo. A vencedora da Copa do Mundo de Palamós foi a estadounidense Katie Hursey cun tempo de 02:01:19.

 

O sábado 13 de xullo celebrouse a proba  do circuíto World Triathlon Promaster, que se disputa na distancia olímpica (1,5 de natación, 40 ciclismo e 10 de carreira a pe), con bos resultados para os deportistas e clubs galegos.

 

A galega Aída Valiño logrou a terceira posición na proba do Circuíto Mundial B Dream Tríatlon Promaster cun tempo de 02:05:31. Ademais no podio estivo acompañada pola súa compañeira de club, Ricarda Lisk, que foi prata (02:04:54), mentres que a checa Radka Vodickova logrou o triunfo (02:04:04). E non podemos esquecer a cuarta posición da tamén galega  Melina Alonso, nunha boa xornada para o tríatlon galego.

 

Ricarda Lisk e Aída Valiño acompañaron a Vodickova durante os dous primeiros segmentos, pero a checa decidiu o triunfo na carreira a pe, onde logrou escaparse en solitario para impoñerse na liña de meta.

 

Na categoría masculina non houbo medallas individuais, pero si de clubs, xa que o Arcade Inforhouse (con Antón Ruanova, Diego Paz e Brais Canosa) logrou a primeira posición na clasificación de clubs. A nivel individual, Antón Ruanova foi sexto clasificado e Pablo Dapena, oitavo.

Quizáis che interese…