UXÍO ABUÍN, SÉTIMO NO MUNDIAL SUB 23 E ANTONIO SERRAT, NOVENO NA CATEGORÍA XÚNIOR

12 de Setembro de 2013

Magníficos resultados para o tríatlon galego en Londres. Uxío Abuín (Tríatlon Ferrol) rematou na sétima posición no mundial sub 23 e  Antonio Serrat (Wild Wolf Cidade de Lugo) foi noveno no Mundial xúnior, que se está a celebrar en Londres.

O vigués Antonio Serrat foi o primeiro en competir na proba xúnior (750 metros de natación-20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe). Serrat ocupou a novena posición a 36 segundos do campión do mundo Dorian Coninx, polo que logrou entrar no “top ten” da proba.

Coma xa é habitual nel, o galego sufriu bastante no segmento de natación, o máis frouxo, e saíu na posición 46, a 43 segundos do primeiro clasificado. Despois tivo que facer unha importante remontada. Na bicicleta xa rendeu a un magnífico nivel e logrou colocarse no grupo principal a poucos segundos da cabeza de carreira. E no último segmento, a carreira a pe, foi remontando posicións pouco a pouco. Chegou a estar no sétimo posto ao final da segunda volta e  finalmente entrou na meta nun espectacular noveno posto, sendo o primeiro español cun tempo de 52:33. A tempada de Serrat está a ser espectacular. Hai uns meses rematou sétimo no campionato de Europa e agora é noveno no Mundial.

Dorian Coninx (Francia), que xa era campión de Europa, fixo pleno ao proclamarse campión do mundo, nun emocionante final que se decidiu ao sprint xunto a Marc Austin (prata) e Otorgar Sheldon (bronce).

Proba sub 23. Pero as boas noticias para o tríatlon galego continuaron pola tarde. Uxío Abuín (Tríatlon Ferrol) rematou na sétima posición no Mundial sub 23 (1.500-40-10), despois de facer unha espectacular remontada na carreira a pe. Mentres, Fernando Alarza logro a medalla de prata e Vicente Hernández foi 18º. Hai que recordar que tanto Fernando coma Vicente decidiron trasladarse a Galicia para adestrar xunto aos deportistas e adestradores da Federación Galega de Tríatlon.

Fernando Alarza formaba parte do grupo de favoritos para loitar polo título nunha proba dun altísimo nivel. E dende o inicio estivo entre os primeiros. Saíu da auga a seis segundos da cabeza, mentres que o galego Uxío Abuín a 23. Pero a bicicleta foi dura para o galego, que quedou no segundo grupo xunto a Vicente Hernández e vía como ían perdendo segundos volta a volta. Na sexta volta estaban a 1:20 segundos. Pero coa carreira a pe todo cambiou. Uxío, que estivo tres semanas sen poder adestrar por culpa dunha lesión nun pe, tiña dúbidas sobre a súa resposta no último segmento, e sen embargo foi espectacular. Foi remontando pouco a pouco ata chegar á sétima posición cun tempo final de 1:44:00. Uxío fixo os dez quilómetros de carreira a pe en menos de 32 minutos (31:21, tempo oficioso). Ademais, hai que destacar a medalla de prata de Fernando Alarza que foi en todo momento no grupo de cabeza (formado por cinco triatletas) e todo se decidiu ao sprint a favor do francés Pierre Le Corre. Así, Fernando repetiu o subcampionato do pasado ano.

Mundial de paratri. Susana Rodríguez participará mañá venres no Mundial de Paratri, na que defende o título acadado no 2012. Esta é a proba verdadeiramente importante para a viguesa que onte mércores logrou a medalla de prata no mundial de acuatlón.

Quizáis che interese…