VITORIA DE JAVIER GÓMEZ NOYA NA COPA DO MUNDO DE COZUMEL

6 de Outubro de 2013

O tríatlon galego segue a darnos alegrías. Hoxe  Javier Gómez Noya (Wild Wolf Cidade de Lugo) logrou na Copa do Mundo de Cozumel (México) a cuarta vitoria consecutiva nun fin de tempada espectacular, mentres que Uxío Abuín (Tríatlon Ferrol) rematou nunha magnífica décima posición. Gómez Noya logrou así a súa 14ª vitoria nunha Copa do Mundo.

Tralo segmento de natación (750 metros) Uxío Abuín ocupaba a sexta posición a oito segundo do líder Tommy Zaferes. Na bicicleta, ambos os dous galegos foron sempre moi cómodos e ben colocados no pelotón de cabeza. E unha vez máis foi na bicicleta cando o actual campión do mundo rompeu a carreira ao seu favor. Gómez Noya, que enfrontaba a proba con problemas estomacais, atacou na última volta e logrou escaparse nos metros finais para imporse no sprint final (53:26).

A segunda posición foi para o francés Lescure (53:28) a só dous segundos, mentres que a terceira posición do podio foi ocupada por Dimitry Polyanskiy (53:31) nun pechado sprint final con Jarrod Zapatero. Pola súa banda, Uxío Abuín, que fixo unha proba moi completa sempre colocado entre os líderes, perdeu algún tempo na carreira a pe e rematou na décima posición (53:54) por diante de Stefan Justus, nunha Copa do Mundo con magníficos triatletas, polo que é un resultado moi bo que lle permite sumar importantes puntos para o seu ranking.

Declaracións. Gómez Noya indicou ao remate da proba que “foi unha carreira moi dura porque ía moita calor aí fóra. Eu estaba morto na carreira. No último quilómetro tratei de aguantar e dalo todo nos últimos cen metros”. O galego explicou que “estiven enfermo durante uns días esta semana, así que non estaba moi seguro do meu rendemento, pero estou contento de ter gañado”. Desta forma, cunha nova vitoria remata Gómez Noya a súa tempada, que non puido ser mellor, coa consecución do título de campión do mundo 2013.

A proba de México celebrouse sobre a distancia sprint -750 m de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pe- e na mesma participaron importantísimos triatletas a nivel internacional, coma Steffan Justus, Dimitry Polyanskiy ou Crisanto Grajales.

 

 

 

 

Quizáis che interese…