Regresan as Series Mundiais de Tríatlon 2017 esta fin de semana coa proba de Yokohama, onde poderemos volver a gozar cun espectáculo inigualable, cos mellores triatletas do mundo en acción. Será unha moi dura proba xa que aos Fernando Alarza, Javier Gómez Noya e Mario Mola (fixos nas dúas primeiras probas) súmanse por vez primeira este ano Jonathan Brownlee, Richard Varga ou Thomas Bishop. A cita será o sábado 13 de maio ás 06:00 horas e poderemos seguilo a través da TVG-2.
O deportista do grupo de Alto Rendemento do CGTD, Fernando Alarza, chega con boas sensacións e moito traballo a esta cita, e coa ilusión de non perder tempo na natación, tal e como lle sucedeu nas dúas primeiras probas, o que lle obrigou a ter que realizar un traballo extra para remontar posicións.
A proba de Xapón desenvolverase na distancia olímpica, é dicir, 1,5 quilómetros de natación dende o embarcadoiro de Osanbashi. Despois realizarán 40 quilómetros de bicicleta e finalizarán cunha carreira a pe de 10 quilómetros. A clave pode estar na natación, xa que coa presenza de Richard Varga está asegurado un alto ritmo na auga, o que favorecería a Javi Gómez Noya (nun gran estado de forma) e Jonathan Brownlee, grandísimos nadadores, que seguro saíran no grupo de cabeza e tentarán romper a proba no ciclismo. Por contra, Alarza e Mola, que sofren máis na natación, loitarán por evitalo para chegar con opcións á carreira a pe, a súa especializade.
As Series Mundiais de Tríatlon 2017 están formadas por nove probas que se disputan en Abu Dhabi, Gold Coast (Australia), Yokohama (Xapón), Leeds (Gran Bretaña), Hamburgo (Alemaña), Edmonton (Canadá), Montreal (Canadá), Estocolmo (Suecia), e Rotterdam (Países Baixos).
Tralas dúas primeiras probas, Javi Gómez Noya ocupa a primeira posición da clasificación provisional do Mundial con 1.433 puntos, mentres que Fernando Alarza é terceiro (1.318).