O domingo 20 de xullo disputarase o IV Tríatlon Concello de Poio, no que participarán 230 deportistas nas catro carreiras previstas pola organización. Esta proba está incluída no Circuíto Galego de Tríatlon de Estrada e ademais é clasificatoria para o Campionato Galego 2014.
A competición comezará ás 10:00 horas coa saída da proba popular, na que os participantes terán que facer 300 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 1,6 quilómetros de carreira a pe. O resto das probas será sobre a distancia sprint (750-20-5).
Ás 12:20 horas darase a saída á proba feminina, na que parten como favoritas as triatletas Joselyn Daniela Brea (Tri-Penta Terras de Lugo), Marina González (Terras de Lugo) ou Iris Soto (Galaico Cidade de Pontevedra). Ademais, en paratriatlon participará a viguesa Susana Rodríguez Gacio (Cidade de Lugo).
Para a proba masculina haberá dúas saídas: ás 11:00 h comezará a proba B, mentres que ás 12:30 horas será a saída elite masculina. Os favoritos son Brais Canosa (Arcade Inforhouse); Cristóbal Dios (Galaico Cidade de Pontevedra); Brais Misa (Atletismo Porriño) ou Tomás Olavarria (Tri-Penta Terras de Lugo).
A carreira de Poio disputarase na modalidade de sprint, con 750 m de natación no mar, con saída dende o Porto do Campelo. A continuación os participantes realizarán 20 quilómetros do segmento de ciclismo (nun percorrido moi rápido con algunha pendente) e finalizarán coa carreira a pe de 5 quilómetros, que é moi dura, xa que practicamente a metade do circuíto é en subida.
Resultados circuíto. No primeiro tríatlon do circuíto, disputado en Riazor (A Coruña), os gañadores foron Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) e José Manuel Pardo Leis (Muralla de Lugo). Na segunda proba, o IV Tríatlon Concello de Arteixo, Nan Oliveras (Tri-Penta Terras de Lugo) e Adriana Barraza (Muralla de Lugo) proclamáronse vencedores, mentres que na terceira, celebrada en Pontevedra, gañaron Roberto Abraham Castellanos e Adriana Barraza (Muralla de Lugo).