O Comité Executivo do Mundial de Duatlón pechou no día de hoxe o calendario e os circuítos das diferentes probas que compoñen o Campionato do Mundo 2014.
Á reunión asistiron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; a representante da secretaría xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Laura Mosquera; o vicepresidente da Federación Galega de Tríatlon, Luis Piña; en representación da Federación Española de Tríatlon, Jorge García; o director da carreira, Miguel Fernández; o director executivo Jaime Agullo, ademais de traballadores do IMD.
Foi unha reunión de traballo intensa, cando só quedan tres meses e medio para a celebración do Mundial. O comité executivo aprobou o calendario previsto, segundo o cal as probas júnior, elite, sub 23 e paratriatlon celebraranse o día 31 de maio, mentres que o día 1 de xuño competirán os relevos e os grupos de idade. Ademais, apostouse polo mesmo percorrido do Europeo de Tríatlon de 2011 a pesar do custe do mesmo, xa que se busca apostar por un percorrido urbano, que achegue o deporte á sociedade, e pola promoción da cidade de Pontevedra e o seu casco histórico. So hai unha pequena modificación por obras en Santa Clara.
Asimesmo aprobouse o organigrama executivo do Mundial e estudouse a proposta de orzamento, aínda sen pechar. O obxectivo é recortar ao máximo os custes, pero garantindo a realización dun Campionato do Mundo vistoso e atractivo, tanto para os participantes, coma os visitantes e os propios cidadáns pontevedreses.
Nos próximos días celebrarase unha reunión do comité organizador, cos máximos responsables dos diferentes organismos incluídos na organización deste evento, para seguir avanzando no orzamento.
Inscrición. Hai que recordar que xa están aprobadas as as cotas de inscrición para os duatletas participantes. Para os estranxeiros o custe de participación será de 155 euros (menos que no último campionato do Mundo celebrado en Canadá), mentres que para os duatletas españois e portugueses o custe será de 100 euros. O obxectivo é superar os 1.200 deportistas, cantidade ata agora non lograda en ningún mundial de duatlón.