Pablo Dapena (Cidade de Lugo Fluvial) logrou hoxe en Valencia o subcampionato de España de Tríatlon distancia olímpica, nunha proba moi disputada na que loitou polo título ata o final. Ademais, hai que destacar a quinta posición de Uxío Abuín (Olímpico de Vedra). Na categoría feminina, Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) –venezolana con licenza galega- foi a segunda clasificada, pero non conta para o Campionato de España, mentres que Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) foi oitava e Sara Guerrero (Náutico de Narón), 14ª e bronce na categoría sub 23. O Cidade de Lugo Fluvial logrou o título na clasificación de clubs masculinos.
A proba feminina foi a primeira en celebrarse e dende o inicio foi comandada por Sara Pérez, que logrou unha clarísima distancia na natación. Por detrás, a 1:14 un nutrido grupo liderado por Joselyn Brea, Melina Alonso e Sara Guerrero, entre outras. Na bicicleta Sara Pérez fixo un espectacular parcial que lle permitiu aumentar de forma clara as distancias e chegar a T2 cunha ampla distancia, máis que suficiente para confirmar a súa vitoria. Ademais, por detrás Sara Guerrero caeu ata en dúas ocasións no mesmo sitio e tivo que facer un esforzo extra para volver a entrar no grupo de cabeza.
Na carreira a pe, a líder estivo especulando coa vantaxe alcanzada, pero por detrás Joselyn Brea ía recortando sen cesar tempo, ata obrigar a Sara a volver a forzar para entrar en meta cun tempo final de 2:04:26. A segunda posición foi para a venezolana con licenza galega Brea (2:04:51), mentres que o podio do campionato de España conta con Sara Bonilla (prata) e Marta Sánchez (bronce). As mellores galegas foron Melina Alonso (oitava no campionato de España) e Sara Guerrero (14ª). Ademais, hai que destacar o bronce para Guerrero na categoría sub 23, así coma que Joselyn Brea logrou o mellor parcial da carreira a pe
No campionato de España masculino, Pablo Dapena (Cidade de Lugo Fluvial) segue amosando un magnífico nivel deportivo e volveu a ser dos mellores. Estivo sempre entre as primeiras posicións e con opcións de proclamarse campión de España ata case o final. Á T2 chegaron xuntos Pablo, Cesc Godoy (que sufriu una caída xusto na entrada á transición) e Ricardo Hernández e foi na carreira a pe, onde se decidiron a orde do podio. Finalmente o título foi para Godoy, mentres que segundo foi Pablo Dapena e o bronce foi para Hernández. Ademais, hai que destacar a quinta posición de Uxío Abuín, que logrou entrar no Top-5. Na clasificación de clubs, título para o Cidade de Lugo Fluvial, que tamén segue imparable.