O domingo 27 de maio celebrarase o V Tríatlon de Menores de Cedeira coa participación de máis de 270 triatletas (categorías benxamín, alevín, infantil e cadete) pertencentes a 19 clubs galegos.
As distancias serán diferentes segundo a categoría. A primeira das probas en comezar será a benxamín (14:45, feminina e 15:00 horas, masculina) e as distancias serán de 100 metros de natación; 2,2 quilómetros de ciclismo e 500 metros de carreira a pe. Na categoría alevín –saída feminina ás 15:15 e masculina, ás 15:45- as distancias serán de 200 metros de natación, 4,2 quilómetros de bicicleta e 1 quilómetro de carreira a pe. Pola súa banda os infantís (saída 16:15) realizarán 400 metros de natación, 8,2 quilómetros de ciclismo e 1.500 de carreira a pe. E finalmente, os cadetes (17:00 horas) terán que facer 750 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2,5 de carreira a pe. A saída, transición e meta estarán situadas na Praia da Magdalena.