Case 150 deportistas disputarán o domingo 27 de maio do Aviamán 2017 – Copa Deputación de Ourense de Tríatlon. Esta é a máis antiga das probas galegas de media distancia e destaca polo duro percorrido de ciclismo e a beleza das paraxes polas que descorre.
A proba, patrocinada pola Deputación de Ourense e organizada por Beariz Tríatlon, celebrarase entre os municipios de Castrelo de Miño, Leiro e Avión. Os participantes terán que facer 1.200 metros de natación no río Avia, nunha auga bastante fría (a previsión é de 15 grados). O máis duro chegará despois, xa que as e os triatletas deberán realizar 65 quilómetros en bicicleta, nun percorrido con 1.900 metros de desnivel e unha paisaxe especular. E xa por último, 14 quilómetros de carreira a pe, un sector suave que descorrerá principalmente (80%) sobre terra e sempre xunto ao río. A saída masculina está prevista para as 09:00 horas e dous minutos despois darase a saída feminina dende a área recreativa Ponte Esperela en Leiro.
Desta forma, na categoría feminina podemos destacar a María Martínez (Atletismo Porriño) –vencedora 2017-, Silvia Deira (Olímpico de Vedra) –vencedora no 2016-, Mónica Alarcón (NoSportLimit), Iria Campos (licenza dun día) ou María del Campo Cabaleiro (Lamargha-Beariz Tríatlon).
Na proba masculina non participará o gañador da edición do pasado ano, Enrique Morán. Así, entre os inscritos temos a Jacobo Crego (Olímpico de Vedra) –segundo o pasado ano-, Alfonso Agraso (Tríatlon O Treito) ou Florín Badea (licenza dun día), entre outros.
Resultados 2017. María Martínez e Enrique Morán (ambos do Atletismo Porriño) foron os campións do Aviamán 2017, con 150 participantes.