SETE GALEGOS PARTICIPARÁN NO EUROPEO DE TRÍATLON QUE SE DISPUTARÁ EN KITZBÜHEL

19 de Xuño de 2014

Sete galegos participarán esta fin de semana (19-22 de xuño) no Campionato de Europa de Tríatlon, que se disputará en Kitzbühel (Austria). Os representantes galegos no Europeo serán: Fernando Alarza, Ricardo Hernández, María Ortega e Melina Alonso (sénior); Antonio Serrat e Carmen Gómez (júnior) e Susana Rodríguez (paratri).

O Campionato de Europa na categoría elite disputarase sobre a distancia olímpica e a natación celebrarase no lago Schwarzsee. Os deportistas terán que nadar 1.500 metros, facer 43,2 quilómetros en bicicleta (nun trazado que unirá o lago co centro de Kitxbühel) e correr 10 quilómetros, mentres que en júnior e paratriatlon a distancia será sprint (750 metros, 20 quilómetros e 5 quilómetros). En relevos as distancias serán de 200 metros de natación, 8,6 quilómetros de bicicleta e 2,4 de carreira a pe.

Probas femininas. O venres 20 celebraranse as probas femininas, tanto na categoría júnior coma sénior. As primeiras en competir serán as máis novas (13:00 horas) coa presenza da galega Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) entre as inscritas. Carmen é aínda deportista da categoría cadete, polo que loitará cos maiores e sen presión algunha, xa que todo o que acade estará ben. A proba de elite comezará ás 15 horas, con María Ortega e Melina Alonso. Serán as dúas representantes españolas no Europeo, e ambas con fichas galegas. En total haberá 40 deportistas na liña de saída.

Masculinas e paratri. O sábado 21 de xuño será o momento da celebración das probas masculinas e do paratriatlon. A máis madrugadora será Susana Rodríguez, xa que a proba de paratriatlon comezarás ás 08:00 horas. Susana Rodríguez (con Mayalen Noriega coma guía) competirá en PT5 (deportistas con deficiencias visuais) unha vez solucionado o problema que a deixaba fóra do Europeo (por un despiste na inscrición por parte da Federación Española). A viguesa ten a ilusión de logralo título, como xa fixo no Campionato do Mundo de Duatlón de Pontevedra hai unhas semanas.

IMG-20140619-WA0004Posteriormente, ás 13:00 horas, comezará a proba júnior masculina, co vigués Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) disposto a loitar polos primeiros postos. O pasado ano foi sétimo no Europeo e agora, cun ano máis de experiencia, tentará loitar polo podio. En total, sairán a competir 75 deportistas.

Ás 15:00 horas será o momento dos deportistas seniors. Entre os participantes destaca a figura de Alistair Brownlee, que esta tempada comezou a competir a mediados de maio, por culpa dunha lesión. Pero non están inscritos Gómez Noya ou Mario Mola, centrados nas probas das Series Mundiais, xa que está en xogo o título de campión do mundo. Na loita polo Europeo contaremos cos “galegos” Fernando Alarza (subcampión do mundo sub 23) e Ricardo Hernández, con ganas de facer algo importante, nunha lista de 73 participantes.

E o campionato de Europa rematará o domingo 22 cos grupos de idade (distancia standard) e as probas de relevos júnior (13:00 horas) e sénior (15:30 horas). Os equipos están formados por catro deportistas (dous homes e dúas mulleres) que realizarán un mini-tríatlon. Os integrantes dos relevos non se coñecerán ata o día anterior pola tarde, despois de saber como remataron as probas individuais.

 

Quizáis che interese…