GÓMEZ NOYA, CUARTO NA PROBA DAS SERIES MUNDIAIS DE TRÍATLON EN HAMBURGO

12 de Xullo de 2014

 A proba das Series Mundiais de Tríatlon de Hamburgo non decepcionou. Gómez Noya, que non puido responder ao ataque final dos Brownlee, rematou na cuarta posición, situación que o mantén na primeira posición da clasificación provisional do Mundial e moi destacado. Ademais, hai que destacar o 15º posto de Fernando Alarza e a 59ª posición de Nan Oliveras, no seu debut nunha serie mundial.

Nesta distancia curta, as emocións son máis intensas e os erros teñen moitas menos posibilidades de solucionarse, polo que estar sempre ben colocado é fundamental. E Javi Gómez Noya, coa súa veteranía, ben que o sabía, polo que nunca deixou o grupo de cabeza, no que estaba acompañado polos irmáns Brownlee e os franceses Vincent Luis e Aurelien Raphael. O ferrolán saíu da auga nas primeiras posicións (foi o cuarto), e non abandonou o pelotón de cabeza na bicicleta. Sen embargo Mario Mola (segundo na clasificación mundial) e Fernando Alarza, estaban no segundo grupo, a non excesiva distancia, pero con poucas posibilidades de recuperar o tempo perdido.

Así chegaron a segunda transición, con Gómez Noya entre os primeiros, e comezou o último sector con todo por decidir en só 5 quilómetros. Trala primeira volta, un grupo de catro triatletas (os irmáns Jonathan e Alistair Brownlee, Gómez Noya e Vincent Luis) lideraban a cabeza e os británicos decidiron aumentar o ritmo e probar aos seus compañeiros de escapada. E este ataque foi decisivo. Javi quedou descolgado nos últimos metros e a vitoria decidiuse entre os irmáns e Vincent Luis. Alistair Brownlee confirmou que se atopa nun bo estado de forma, tal e como xa amosara no Europeo, e logrou a vitoria por diante de Vincent Luis (a catro segundos) e Jonathan Brownlee (bronce), mentres que Gómez Noya foi cuarto clasificado a 17 segundos do gañador. Pola súa banda, Mario Mola, remontando na carreira a pe, logrou a novena posición, mentres que Fernando Alarza (que está adestrando con Omar González no CGTD) foi 15º. Nan Oliveras, no seu debut nunha serie mundial, ocupou a 59ª posición.

Na clasificación provisional do Mundial, Gómez Noya continúa como líder, mentres que Jonathan Brownlee pasa a ocupar a segunda posición por diante de Mario Mola.

Hamburgo acollerá mañá 13 de xullo (16:35 horas) a disputa do Campionato do Mundo de relevos mixtos. Será a quinta edición desta especialidade, na que os triatletas (dous homes e dúas mulleres) realizarán un mini-tríatlon.

Quizáis che interese…