O SÁBADO 9 DE AGOSTO CELEBRARASE O XIV TRÍATLON CIDADE DE FERROL CON CASE CATROCENTOS DEPORTISTAS INSCRITOS

7 de Agosto de 2014

 Case catrocentos deportistas (383) participarán o sábado 9 de agosto no XIV Tríatlon Cidade de Ferrol, que é unha proba clasificatoria para o Campionato Galego 2014. No programa previsto haberá unha proba popular, outra para as e os máis pequenos (Nada e Corre) e as federadas (masculina e feminina).

A carreira elite disputarase na modalidade de sprint, con 750 m de natación no Porto de Ferrol, a continuación 20 quilómetros do segmento de ciclismo  e finalizarán coa carreira a pe de 5 quilómetros. A saída feminina está prevista para ás 17:50 horas, e entre as participantes destacan María Ortega (Tri-Penta Terras de Lugo), a venezolana Joselyn Daniela Brea (Tri-Penta Terras de Lugo), Silvia Deira (Arcade Inforhouse), Diana Cotón (Arcade), Adriana Barraza (Muralla de Lugo) e as irmás Melina e Camila Alonso (ambas do club local, Tríatlon Ferrol), que tentarán estar entre as primeiras na proba da súa casa. Tamén hai que destacar á cadete local Inés Santiago, polo que se espera unha loita moi interesante, con deportistas de alto nivel.

Para a proba masculina haberá dúas saídas: ás 16:30h comezará a proba B, mentres que ás 18:00 horas será a saída A elite masculina, na que hai inscritos magníficos deportistas. Parten como favoritos para loitar polo triunfo Fernando Alarza (Tri-Penta Terras de Lugo), Brais Canosa (Arcade Inforhouse), Crisanto Grajales (Cidade de Lugo Fluvial), Abraham Roberto Castellanos (Muralla de Lugo) ou Cristóbal Dios (Galaico Cidade de Pontevedra).

Máis probas. O programa de probas do día comezará ás 15:20 horas coa celebración da proba “Nada e Corre” para as categorías benxamín e alevín coa participación de 40 deportistas. Aquí as distancias son de 150 metros de natación e 500 metros de carreira a pe e esta proba non é competitiva, xa que o que busca é a participación dos máis pequenos. Dez minutos máis tarde, darase a saída a unha proba popular, na que os participantes terán que facer 300 metros de natación, 10 quilómetros en bicicleta e 2,5 quilómetros na carreira a pe. Hai 84 triatletas inscritos.

Resultados circuíto. Esta proba está incluída no Circuíto Galego de Tríatlon de Estrada (quinta e última proba) e ademais é clasificatoria para o Campionato Galego 2014. No primeiro tríatlon do circuíto galego 2014, disputado en Riazor (A Coruña), os gañadores foron Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) e José Manuel Pardo Leis (Muralla de Lugo). Na segunda proba, o IV Tríatlon Concello de Arteixo, Nan Oliveras (Tri-Penta Terras de Lugo) e Adriana Barraza (Muralla de Lugo) proclamáronse vencedores, mentres que na terceira, celebrada en Pontevedra, gañaron Roberto Abraham Castellanos e Adriana Barraza (Muralla de Lugo). Por último, sinalar que Brais Canosa (Arcade Inforhouse) e Joselyn Daniela Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse campións do IV Tríatlon Concello de Poio.

 

 

Quizáis che interese…