JAVIER GÓMEZ NOYA, CAMPIÓN DO MUNDO  IRONMAN 70.3

7 de Setembro de 2014

Javier Gómez Noya logrou hoxe proclamarase campión do mundo Ironman 70.3 en Mont Tremblant (Canadá). A ansía de vitoria do galego non ten fin e segue buscando novos retos coma o de hoxe, ao enfrontar un medio Ironman e con rivais dun altísimo nivel. A semana pasada logrou en Edmonton proclamarse campión do mundo de tríatlon por cuarta vez e sete días despois, campión do mundo 70.3.

Xa dende o inicio, Javi quixo deixar claro que ía polo triunfo. Foi o primeiro en saír da auga despois de facer os 1.900 metros de natación, cun tempo de 22:09, mentres que Jan Frodeno (un vello coñecido das Series Mundiais) estaba case pegado a só un segundo. Na bicicleta (90 quilómetros) seguiu a vixilancia entre estes dous deportistas, que lideraban a proba. Así, o alemán logrou escaparse de Gómez Noya no tramo final do ciclismo e chegou á transición con trinta segundos de vantaxe sobre o galego. Pero nos últimos 21 quilómetros de carreira a pe, o ferrolán foi quen de recuperar o tempo perdido e de escaparse do seu rival, para chegar en solitario á meta.

O triatleta galego rematou a proba cun tempo total de 3 horas, 41 minutos e 30 segundos, e avantaxou en 41 segundos a Jan Frodeno (3:42:11), e xa en 3 minutos e 8 segundos ao terceiro, o británico Tim Don (3:44:38). E que ninguén pense que foi fácil. Gómez Noya aseguraba no seu twitter: “Campión do mundo de 70.3! Sen palabras… Carreira durísima, hoxe tiven que espremerme ao máximo!”.

Quizáis che interese…