Iñaki Pena-Manso (Tríatlon Coruña) e Mar Villar (Trinorth-Nogasa) proclamáronse hoxe campións da cuarta edición de Aviamán, na que participaron 120 deportistas. Esta foi a primeira proba de tríatlon de media distancia que se disputou en Galicia hai xa cinco anos e destaca polo duro percorrido de ciclismo.
Na categoría feminina, dominio absoluto de Mar Villar que foi na primeira posición dende o primeiro segmento e xa non se baixou de aí. A pesar diso, foi clave o sector da bicicleta, onde ampliou e moito a distancia coas súas perseguidoras, de forma que na carreira a pe, puido baixar un pouco o ritmo e regular as enormes distancias. Chegou a meta na primeira posición cun tempo de 04:10:20. A segunda posición foi para Priscila Suárez (Tríatlon Ferrol, 04:26:23) que foi de menos a máis. Foi a terceira mellor na natación, a cuarta na bicicleta e a primeira cun magnífico tempo na carreira a pe. A terceira posición do podio foi para Almudena Vázquez (licenza dun día) cun tempo de 04:28:48.
Na proba masculina, magnífico traballo de Iñaki Pena-Manso, que estivo sempre perfectamente colocado nas primeiras posicións. Xa saíu da fría auga do río Avia entre os primeiros e na bicicleta foi onde confirmou o seu dominio para poñerse na primeira posición, aínda que con Cristóbal Dios (Tríatlon Arteixo), un dos favoritos, moi preto. Pero Iñaki seguiu ao seu ritmo e logrou aumentar as distancias na carreira a pe, para chegar primeiro a meta cun tempo total de 03:30:21. A segunda posición foi para Cristóbal Dios (03:31:19), mentres que terceiro clasificado foi Enrique Morán (Atletismo Porriño) cun tempo final de 03:35:35.
Os gañadores noutras categorías son:
- Sub 23: Iñaki Pena-Manso (Tríatlon Coruña)
- Veterán 1: María del Carmen Cabaleiro (licenza dun día) e Carlos Manuel Prado (Club Ciclista de la Fuente).
A proba, patrocinada pola Deputación de Ourense e organizada por Beariz Tríatlon, celébrase entre os municipios de Castrelo de Miño, Leiro e Avión, e ten uns percorridos moi exixentes, sobre todo o sector de bicicleta. Os participantes tiveron que facer 1.200 metros de natación no río Avia; 65 quilómetros en bicicleta e 14 quilómetros de carreira a pe.
Resultados 2013. Iván Cáceres e Lucía Pérez proclamáronse gañadores do Aviamán 2013, no que participaron máis de 100 deportistas. No 2014 non se celebrou a proba.