Cinco galegos participarán esta fin de semana (10-12 de xullo) no Campionato de Europa de Tríatlon, que se disputará en Ginebra (Suiza). Os representantes galegos no Europeo serán: Javier Gómez Noya e Pablo Dapena (sénior); Inés Santiago e Andrés Cendán (júnior) e Susana Rodríguez (paratriatlon).
Serán tres días de intensa competición en Ginebra e a natación realizarase no Lago Leman, o maior lago de Europa Occidental.
Venres 10. Os primeiros en competir serán os grupos de idade (11:00 horas) e os paratriatletas (16:00 horas), ambos na distancia sprint (750 – 20,4 – 5). A nosa deportista Susana Rodríguez (con Mayalen Noriega coma guía) competirá en PT5 (deportistas con deficiencias visuais) e tentará revalidar o título acadado o pasado ano en Kitzbühel. Pero non será sinxelo. Con elas estarán no pontón de saída Melissa Reid, Alison Patrick ou Joleen Hakker, polo que se espera unha bonita e competida proba.
Sábado 11. As probas comezarán moi pronto. Os júnior (categoría masculina) serán os primeiros en saír (08:00 horas) con 73 deportistas inscritos e Andrés Cendán na lista de saída. O noso deportista, xunto con Inés Santiago e Carmen Gómez, estivo a semana pasada concentrado en Madrid pola Federación Española para preparar esta proba. O pasado ano, Antonio Serrat logrou a medalla de prata nesta categoría, pero este ano deu u salto de categoría e xa compite cos maiores. Na categoría feminina (10:00 horas), Inés Santiago, que ven de proclamarse campioa de España de tríatlon e de acuatlón en Pontevedra hai dúas semanas, será a única representante galega no Europeo, xa que Carmen Gómez non pode competir por culpa dunha lesión. As distancias na categoría júnior son de 750 metros de natación, 20,4 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe.
Ás 12:00 horas comezará a proba de elite masculina, coa participación do catro veces campión do mundo, Javier Gómez Noya, que parte coma gran favorito para facerse co triunfo. Xunto a el, o seu compañeiro de adestramento, Pablo Dapena, dous galegos con importantes opcións neste Europeo. Outros triatletas destacados son Dimitry Polyanskiy ou Swen Riederer. Os deportistas terán que nadar 1.500 metros, facer 40,8 quilómetros en bicicleta e correr 10 quilómetros. Na categoría feminina (15:30 horas) non haberá presenza galega.
E o campionato de Europa rematará o domingo 12 cos grupos de idade en distancia standard (06:30 horas) e as probas de relevos elite (12:15 horas) e júnior (14:30 horas). Os equipos están formados por catro deportistas (dous homes e dúas mulleres) que realizarán un mini-tríatlon. Os integrantes dos relevos non se coñecerán ata o día anterior pola tarde, despois de saber como remataron as probas individuais. En relevos as distancias serán de 275 metros de natación, 6,8 quilómetros de bicicleta e 1,6 de carreira a pe.