MELINA ALONSO E ANTONIO SERRAT, CAMPIÓNS GALEGOS DE TRÍATLON 2015

6 de Setembro de 2015

Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) e Fernando Alarza (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse hoxe vencedores do  XXVII Tríatlon do Miño. Sen embargo para o título de campións galegos, que tamén se decidía nesta proba, os gañadores foron Melina e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras e Lugo) na masculina, xa que Alarza aínda que ten licenza galega non está empadronado en Galicia.

 

DSC_5650 - copia Na proba masculina, Alarza demostrou ser o más forte dende o inicio. Foi só dende o primeiro segmento e xa non abandonou esta posición destacada en toda a proba. Fernando, que enfrontaba esta proba coma un adestramento de calidade cara á gran final das Series Mundiais de Chicago na que loitara por entrar no podio, chegou a meta cun tempo final de 55:59.

 

Mentres, por detrás, formouse un grupo cos favoritos, que loitaron entre eles para decidir o resto das prazas no podio. E na carreira a pe o máis forte foi o vigués Antonio Serrat, o que lle permitiu acadar o título de campión galego na categoría sub 23 e absoluta. O podio do campionato galego estivo formado por Antonio Serrat (campìón galego), César Saracho (mexicano, pero con licenza galega e empadronado en Galicia) que foi prata e Diego Paz (Arcade Inforhouse), bronce. Os tres primeiros do Tríatlon do Miño foron Fernando Alarza (1º), Antonio Serrat (2º) e César Ramro Saracho (3º).

 

Na categoría feminina, Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) revalidou o título do pasado ano, triunfo que consolidou na carreira a pe. Melina tivo como compañeira de escapada á súa compañeira de club, Inés Santiago, aínda júnior e cun futuro espectacular por diante. Inés foi a mellor no segmento de natación e despois na bicicleta uníronse ambas (Inés e Melina) para romper a carreira  e lograr escaparse. Así decidiron o triunfo entre elas. Na carreira a pe, Melina foi superior e logrou chegar en solitario a meta cun tempo de 01:05:40. A segunda posición foi para Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) cun tempo de 01:06:32 e o bronce, para Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) cun tempo de 01:08:52.

 

Os vencedores noutras categorías foron:

  • Cadete: Inés Castaño (Arcade Inforhouse) e Iván Puentes (Tríatlon Ferrol).
  • Júnior: Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) e Andrés Cendán (Talleres David Tríatlon Compostela).
  • Sub 23: Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo).
  • Veterán 1: Aída García (Olímpico de Vedra) e Iván Rubio (Tríatlon Arteixo).
  • Veteran 2: Andrés López (Club Ciclismo-Tríatlon Poio).
  • Clubs: Arcade Inforhouse (feminina) e Tríatlon Arteixo (masculina).

 

O Campionato Galego disputouse sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe), con saída, boxes e meta na área creativa Los Robles. Para poder participar nesta proba os participantes tiveron que lograr a clasificación nas diferentes probas que conforman o circuíto galego de tríatlon de estrada.

CLASIFICA TRIA LUGO 2015

Quizáis che interese…