IRIA RODRÍGUEZ E SUSANA RODRÍGUEZ REINAN NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE DÚATLON EN CERDANYOLA

2 de Abril de 2016

As galegas Iria Rodríguez (cadete) e Susana Rodríguez (paradúatlon) reinaron hoxe no Campionato de España de Dúatlon, que se está a disputar en Cerdanyola, coa participación de máis de 1.200 deportistas.

A primeira en participar foi a nosa Susana Rodríguez Gacio (Mar de Vigo), xunto á súa guía Mayalen Noriega, na categoría TRI-5, para deportistas con discapacidade visual. A galega foi moi superior as súas contrincantes e foi dominando a proba dende o primeiro segmento de carreira a pe, no que os xuíces cometeron un erro e as obrigaron a facer unha volta extra. Na bicicleta as distancias se fixeron xa imposibles para as perseguidoras e Susana enfrontou a proba coma un adestramento máis cara a preparar o mellor posible os Xogos Paralímpicos de Río. O tempo final de Susana Rodríguez, co que se proclamou campioa de España de paradúatlon foi de 01:15:39.

IMG-20160402-WA0073A continuación celebráronse as probas cadete sobre as distancias de 2,5 quilómetros de carreira a pe, 10,7 quilómetros de bicicleta e 1.250 metros de carreira a pe e cunha altísima participación (case trescentos deportistas). Galicia partía con opcións de podio e Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) confirmou os prognósticos. A deportista do Atletismo Porriño foi en cabeza durante toda a proba, aínda que había un nutrido grupo de deportistas en escasos segundos, polo que tivo que ser no último tramo da carreira a pe onde se decidiu o triunfo final. Iria foi a máis rápida cun tempo de 33:17, seguida por Natalia Hildago (33:31) e Tania Álvarez (33:32), que decidiron os outros dous postos no podio ao sprint. A oitava posición foi para Inés Castaño (Arcade Inforhouse) cun tempo de 33:54.

Na categoría masculina, triunfo para o deportista con licenza valenciana Romaric Forques, pertencente ao Cidade de Lugo Fluvial (28:50). Partía como favorito e non deu opcións ao resto. Escapou no primeiro segmento e fixo en solitario o resto da proba.

Resultados

Mañá 3 de abril a competición comezará coa proba júnior masculina (09:00 horas) e a júnior feminina será a seguinte (10:30 horas). As distancias son: 5- 20 – 2,5. Entre os nosos representantes podemos destacar a Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol), Sara Guerrero (Tríatlon Ferrol), Carla Castaño (Cidade de Lugo), Andrés Cendán (Cidade de Lugo), Pablo Pedrosa (Tríatlon Ferrol), Víctor Souto (A.D. Fogar) ou Marcos Ruíz (Tríatlon Ferrol).

Elite. A xornada completarase coa celebración das probas elite/sub 23. Na categoría masculina (12:00 horas) temos como principal opción para loitar polo triunfo a Uxío Abuín (Tríatlon Arteixo), aínda que tamén participarán outros galegos coma Miguel Daporta (Olímpico de Vedra) ou Alejandro Álvarez (Cidade de Lugo), entre outros.  A proba feminina comezará ás 13:30 horas cunha inscrición moi alta e e varias duatletas galegas coma Iria Fernández (Arcade Inforhouse), Aída García (Olímpico de Vedra) ou Sara Ruíz (Cidade de Lugo. As distancias serán de 5 quilómetros de carreira a pe, 21,8 de bicicleta e 2,5 de carreira a pe. O pasado ano, non houbo medallas galegas na elite.

Quizáis che interese…