Fernando Alarza buscará en Yokohama (Xapón) na madrugada do sábado 14 de maio (06:00 hora galega, TVG-2) seguir nesa boa racha de resultados que están marcando o seu camiño cara aos Xogos Olímpicos de Río. Esta será a última proba antes de pechar o ciclo olímpico e o deportista do Centro de Alto Rendemento do CGTD é actualmente o segundo clasificado no Mundial, por detrás de Mario Mola.
Alarza acadou ata agora o cuarto posto en Abu Dhabi, o segundo en Gold Coast e a primeira vitoria nunha serie mundial en Cidade do Cabo, nunha tempada perfecta que lle levará aos Xogos de Río, xunto a Gómez Noya e Mario Mola.
A proba de Xapón desenvolverase na distancia olímpica, é dicir, 1,5 quilómetros de natación dende o embarcadoiro de Osanbashi. Despois realizarán 40 quilómetros de bicicleta e finalizarán cunha carreira a pe de 10 quilómetros. En Yokohama, Fernando terá como principais rivais a Mario Mola (líder do Mundial con dúas vitorias), Vicente Hernández ou Dorian Coninx.
As Series Mundiais de Tríatlon 2016 están formadas por nove probas que se disputarán en Abu Dhabi, Gold Coast (Australia), Cidade do Cabo (Sudáfrica), Yokohama (O Xapón), Leeds (Gran Bretaña), Estocolmo (Suecia), Hamburgo (Alemaña), Edmonton (Canadá) e Cozumel.
Trala disputa da terceira proba do mundial Mario Mola segue como líder con 2.233 puntos, pero Alarza achegouse a só 60 puntos (2.173). A terceira posición é para Jonathan Brownlee.