O sábado 20 de agosto celebrarase o XVI Tríatlon Cidade de Ferrol, último clasificatorio para o Campionato Galego 2016. Entre todas as probas previstas (unha popular, un Nada e Corre para os máis pequenos e a proba federada) hai unha inscrición de máis de 300 deportistas.
O programa do día comeza ás 15:15 horas coa celebración da proba “Nada e Corre” para as categorías benxamín e alevín coa participación de 25 deportistas (proba non competitiva). As distancias son de 150 metros de natación e 500 de carreira a pe. Ás 15:30 horas darase a saída á proba popular, na que os 73 participantes inscritos terán que facer 300 metros de natación, 10 quilómetros en bicicleta e 2,5 quilómetros na carreira a pe.
Posteriormente chegará o momento da proba federada, que será a última do circuíto galego e clasificatoria para o Galego de Tríatlon. Para a categoría masculina haberá dúas saídas (16:30 e 17:50), mentres que a categoría feminina comezará ás 18:00 horas. A proba disputarase na modalidade de sprint, con 750 m de natación no Porto de Ferrol, 20 quilómetros do segmento de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pe.
Na proba feminina contamos cunha espectacular participación, polo que seguro que haberá unha proba moi competida polos primeiros postos. As irmás Alonso (Camila e Melina) tentarán loitar polo triunfo en casa (ambas son do Tríatlon Ferrol), pero enfronte terán a Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) coa que normalmente teñen unha loita moi fermosa nas probas. Tamén podemos destacar a Marta Barbeito (A.D. Fogar), Tania Garabatos (Olímpico de Vedra), Raquel Ruiz (Tríatlon Ferrol) ou Daniely Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) entre outras.
Na proba masculina, parte como favorito Luismi Velászquez (Tri-Penta Terras de Lugo), aínda que non poderá despistarse porque na inscrición figuran triatletas de gran valía coma Brais Canosa (Arcade Inforhouse), Carlos Brión (Natación Riveira), Marcos Ruiz (Tríatlon Ferrol) ou Ismael Fernández (Tríatlon Arteixo).
Resultados 2015. Tamara Gómez (Tríatlon Ferrol) e Diego Paz (Arcade Inforhouse) proclamáronse gañadores do XV Tríatlon Cidade de Ferrol 2015.