ALBERTO CASTIÑEIRA E INÉS CASTAÑO, VENCEDORES DO XIV DÚATLON CIDADE DE SANTIAGO 

5 de Marzo de 2016

Doblete para o Arcade Inforhouse no XIV Dúatlon Cidade de Santiago. Alberto Castiñeira e Inés Castaño, ambos do Arcade, proclamáronse hoxe campións da segunda proba do circuíto Galego de Dúatlon na que participaron preto de 200 deportistas.

Na proba masculina había unha importante participación, con deportistas destacados que querían acadar a vitoria. Así houbo unha dura loita pola primeira posición, que finalmente caeu a favor dos máis novos: Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse) logrou a vitoria cun tempo de 57:01. A segunda posición foi para Edson Brandon Gómez (Tríatlon Arteixo) a 23 segundos (57:24) e o bronce foi para Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) cun tempo final de 57:34.

Na categoría feminina, tamén dominaron as deportistas máis novas de forma clara. O triunfo foi para a cadete Inés Castaño (Arcade) que entrou en meta xunto a súa irmá Carla co mesmo tempo (01:08:46). A terceira posición foi para a súa compañeira de equipo, a veterana Silvia Deira (01:09:10). A distancias no Dúatlon Cidade de Santiago, que foi organizado polo Arcade, foron de 5 quilómetros de carreira a pe, 20 de bicicleta e 2,5 de carreira.

Os resultados noutras categorías foron:

  • Cadete: Iván Puentes (Tríatlon Ferrol) e Inés Castaño (Arcade Inforhouse).
  • Júnior: Brais Otero (Arcade Inforhouse) e Carla Castaño (Arcade Inforhouse).
  • Sub 23: Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse) e Katia Senín (Olímpico de Vedra)
  • Veterán 1: Juan José Balsa (Team Corbelo) e Silvia Deira (Arcade Inforhouse).
  • Clubs: Arcade Inforhouse (masculino e feminino)

 

*Son resultados provisionais

 

O Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2016 está formado por cinco   probas: Guitiriz, Santiago, Riveira, Arteixo e Vigo. En xogo a clasificación para o Galego de Dúatlon (18 prazas en cada proba do circuíto). Nicolás Domínguez (HPS Tríatlon) e Cristina Torres (Mar de Vigo) proclamáronse gañadores do X Dúatlon Concello de Guitiriz.

Quizáis che interese…