FERNANDO ALARZA, CUARTO NA PRIMEIRA PROBA DAS SERIES MUNDIAIS EN ABU DHABI

5 de Marzo de 2016

Magnífico inicio de tempada para Fernando Alarza, que acadou a cuarta posición na primeira proba das Series Mundiais 2016, que se celebrou hoxe en Abu Dhabi. O mallorquín Mario Mola logrou a vitoria tras realizar unha proba espectacular, ao ter que cumprir unha penalización de 15 segundos, e pese a todo ser capaz de gañar cunha gran exhibición.

Os triatletas saíron a auga co recordo do falecido Laurent Vidal, xa que o número 1 estaba reservado para el. Por diante, 1.500 metros de natación na que faltaba o gran dominador Richard Varga. Así foi un segmento más apertado do habitual e con escasas distancias entre os participantes. Da auga saíu na primeira posición Henri Schoeman e tras el, Aurelien Raphael. Por detrás, no posto 18, Fernando Alarza.

Na saída da primeira transición, houbo a primeira fractura, formándose un grupo de 13 deportistas no que estaba o galego (adestra no Grupo de Alto Rendemento do CGTD e compite con ficha galega) Fernando Alarza. Lograron unha distancia duns 15-20 segundos, pero por detrás empurraban forte, dirixidos por Mario Mola, que quedara cortado do primeiro grupo. Trala primeira volta en bicicleta (quilómetro 13) o grupo de Alarza, que estivo moi activo, levaba 13 segundos de vantaxe, e na segunda, con máis homes en cabeza, logrou 16 segundos. Ademais, nese intre anunciase que Mario Mola tiña que cumprir unha penalización no penalti box (15 segundos) por deixar o gorro fóra da caixa na transición, o que lle complicaba aínda máis a remontada. Mentres, David Castro sufriu problemas mecánicos na bicicleta e tivo que abandonar.

Finalmente, na volta 4 (quilómetro 26), o segundo grupo logra alcanzar ao de cabeza e xuntos emprenden os últimos quilómetros de ciclismo ata que Alessandro Fabian decide atacar e marchar en solitario cara á segunda transición, a onde chegou con 12 segundos de vantaxe.

A transición era moi complexa por ser moi estreita e Alarza tivo problemas ao chocar con varios contrincantes e perdeu uns segundos moi importantes, que lle fixo saír bastante retrasado e ter que remontar case 20 segundos no primeiro quilómetro. Mentres, en cabeza Mario Mola atacou e marchou en solitario buscando o mellor momento para cumprir a súa penalización. Por detrás, Joao Silva, Richard Murray e Fernando Alarza lideraban o grupo perseguidor, no que tamén estaba o español Vicente Hernández.

Mario decidiu cumprir a sanción ao cumprir a segunda volta (5 quilómetros) cando levaba uns 15 segundos de vantaxe, polo que despois de cumprir a sanción enseguida se pegou ao grupillo dianteiro formado por Murray,Silva e Alarza. E non esperou nada para atacar de novo e romper o grupo. O mallorquín volveu a poñerse en cabeza e Alarza foi quedando descolgando, pero sen perder de vista a Silva.

Na terceira volta, Mario lideraba a proba con 4 segundos de vantaxe sobre Murray, que non se rendía. Terceiro era Silva (a 11 segundos) e cuarto, Alarza, que non quería deixar escapar o podio (a 17 segundos). Quedaban só 2.500 metros de moito sufrimento. A falta de pouco máis dun quilómetro, o sudafricano contactou con Mario, pero este cunha enorme sangue fría volveu atacar e rompeu por completo ao seu contrincante. Así Mario Mola gañou, igual que o pasado ano, a primeira proba das Series Mundiais en Abu Dhabi, cun tempo de 01:46:39, mentres que segundo foi Richard Murray (a 15 segundos), e terceiro Joao Silva (a 29). Cuarta posición para Fernando Alarza (a 38 segundos), que da un paso máis cara a acadar a clasificación para os Xogos Olímpicos.

As Series Mundiais de Tríatlon 2016 están formadas por nove probas que se disputan en Abu Dhabi, Costa Dourada (Australia), Cidade do Cabo (Suráfrica), Yokohama (Xapón), Leeds (Gran Bretaña), Estocolmo (Suecia), Hamburgo (Alemaña), Edmonton (Canadá) e Cozumel.

Triathlon.org

Quizáis che interese…