ALMANSA ACOLLE ESTA FIN DE SEMANA O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR AUTONOMÍAS SÉNIOR E ESCOLAR

23 de Xuño de 2017

Almansa (Albacete) acollerá esta fin de semana (24 e 25 de xuño) o Campionato de España de Tríatlon por Autonomías sénior e escolar. Unha cita na que Galicia brilla habitualmente, pero nesta oportunidade acode con moitas baixas nas seleccións séniors e cun equipo novo e renovado, no escolar. O pasado ano, Galicia logrou o título en ambos campionatos.

Nesta oportunidade, a Federación Española de Tríatlon optou por xuntar ambos campionatos nunha mesma fin de semana. O formato é o mesmo: Haberá proba masculina e feminina -a clasificación por equipos farase sumando o tempo dos catro mellores clasificados do equipo- e por relevos, e a clasificación final sae da suma destas tres probas. A única diferenza está nas distancias da proba individual, máis curtas para o escolar.

Escolar. Os máis novos serán os primeiros en competir e neste caso os equipos están formados por catro deportistas. O sábado celébranse as probas feminina (10:00 horas) e masculina (10:45) e as distancias serán de 750 metros de natación, 10 quilómetros de ciclismo e 2,5 de carreira a pe. O equipo feminino está formado por Henar Diana Cons, Noelia Serantes, Natalia Castro e Irene Mera, mentres que o masculino conta con Jorge González, Esteban Basanta, Víctor Bouzón e Francisco Gómez. Falar de favoritos nestas idades é moi complicado, pero Galicia tentará competir a un bo nivel. O domingo terá lugar a proba de relevos mixtos, na que participarán equipos formados por dous homes e dúas mulleres que realizarán un mini-tríatlon. Cada deportista terá que facer 300 metros de natación, 6 quilómetros de bicicleta e 1,5 de carreira a pe.

O pasado ano Galicia acadou o título no Campionato de España de Tríatlon Escolar por Seleccións Autonómicas, que se disputou  en Aguilar de Campoo (Palencia).

Sénior. Na categoría absoluta, Galicia tamén defende o título,  pero chega moi mermada por lesións (Camila Alonso) ou convocatorias internacionais (Uxío Abuín, Antonio Serrat, Inés Santiago). Así, o conxunto feminino estará formado por Joselyn Brea, Iria Rodríguez (tamén tocada), Sara Guerrero, Inés Castaño, Carla Castaño e Ana María Santiso.

A selección galega masculina quedou composta finalmente por Alberto Castiñeira, Martín Carrera, Marcos Ruiz, Ismael López, Iván Cáceres e Iván Rubio.

O campionato individual celebrarase o sábado 24 de xullo sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 19,5 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe) e para a clasificación final se suman os postos dos catro mellores clasificados (cada equipo pode presentar un máximo de seis deportistas). A proba feminina comezará ás 11:30 horas do sábado, mentres que a masculina dará comezo ás 12.15 horas.

O domingo 25 de xullo terá lugar a proba de relevos mixta a partir das 11:30 horas. A autonomía que gane a xeral será a mellor da suma dos resultados das categorías masculina, feminina e relevos.

2016. Galicia, por segundo ano consecutivo, proclamouse campioa de España de Tríatlon por Autonomías o pasado ano en Mequinenza (Aragón) tras gañar a proba de relevos mixtos, nun campionato impecable das e dos nosos deportistas.

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...