ANTONIO SERRAT, CUARTO NO CAMPIONATO DE EUROPA SUB 23 DE BURGAS  

18 de Xuño de 2016

Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) quedou a so un pasiño do podio no Campionato de Europa sub 23 que se celebrou hoxe en Burgas (Bulgaria). O vigués rematou na cuarta posición, despois de remontar varias posicións na carreira a pe. Pola súa banda, Camila Alonso (Tríatlon Ferrol), que se está a recuperar dos seus problemas de rinitis, foi 35ª.

IMG-20160618-WA0064Aínda que inicialmente a proba estaba prevista sobre a distancia olímpica, finalmente desenvolveuse na sprint (750 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe). A natación foi bastante complicada pola forte ondada que soportaron os deportistas, pero aínda así o galego saíu ben colocado, xunto a David Castro, nun segundo grupo a uns 15 segundos dos seis deportistas que ían en cabeza. E moi pronto o segundo grupo logrou pillar aos escapados, pero tamén foron alcanzados polos que viñan por detrás, de forma que se creou un pelotón de 40 corredores. A estrada era moi estreita e ao haber tantos deportistas, o circuíto comezou a facerse perigoso e houbo varias caídas.

Na segunda transición, Antonio Serrat non logrou colocarse ben e quedou a metade do grupo, polo que lle tocou remontar moitas posicións, mentres que David Castro saíu cos primeiros. Así, trala primeira volta de carreira a pe, Antonio xa ía quinto clasificado a uns seis segundos dun grupo de catro triatletas. Tiña o punto de mira claro e logrou alcanzalos no quilómetro 4. Así, as medallas eran cousa de cinco e cun ataque de Antonio, quedou descolgado Grant Sheldon, que viña de facer décimo no Europeo de Lisboa. Pero houbo máis ataques e Antonio non tivo forzas para responder a todos, así que ao final tivo que conformarse con esa medalla de chocolate e o seu gran esforzo e traballo durante toda a proba. O ouro foi para o español David Castro (59:51), que revalidou o título. A prata foi para Dario Chitti (Italia) cun tempo de 59:54 e o bronce para o israelí Shachar Sagiv (59:57). Antonio Serrat foi cuarto cun tempo final de 01:00:05

Na categoría feminina, contabamos coa presenza de Camila Alonso que non acudía a esta proba nas mellores condicións físicas, xa que acababa de superar unha rinitis, e non puido competir ao cento por cen. Así, a galega rematou na 35ª posición.

O domingo 19 celebrarase o Europeo de relevos sub 23, pero aínda non se coñecen os nomes dos deportistas que conformarán os equipos. Daranse a coñecer trala proba individual. En relevos as distancias serán de 300 metros de natación, 8 quilómetros de bicicleta e 1,5 de carreira a pe.

Resultados 2015. Antonio Serrat rematou nunha magnífica quinta posición no Campionato de Europa sub 23, que se celebrou o pasado ano en Banyoles.

 

Quizáis che interese…