GALICIA PARTICIPARÁ ESTA FIN DE SEMANA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON ESCOLAR POR SELECCIÓNS AUTONÓMICAS  

16 de Xuño de 2016

Galicia participará esta fin de semana en Aguilar de Campoo (Palencia) no Campionato de España de Tríatlon Escolar por Seleccións Autonómicas. A selección galega tentará loitar polos primeiros postos, aínda que falar de favoritos nestas categorías é moi complicado. A clasificación xeral de seleccións autonómicas sairá da suma dos resultados das probas individuais e da de relevos mixtos.

O sábado 18 de xuño celebrarase a proba individual, un tríatlon no que os participantes deberán facer 750 metros de natación (no embalse de Aguilar), 11 quilómetros de bicicleta e 3 de carreira a pe, con remate na Praza de España de Aguilar. En total participarán 17  comunidades e cada unha delas pode presentar un equipo de catro deportistas por categoría. Galicia presenta dous equipos completos. Na categoría feminina (10:00 horas) participarán Inés Castaño, Salomé Calviño, Carmen Bello e Iria Rodríguez (que foi prata o pasado ano). Na masculina (12:00 horas) os protagonistas galegos serán Jorge González, Iván Puentes, Arturo Rey e Javier Pena, un equipo completamente renovado con respecto ao pasado ano.

O domingo 19 de xuño (10:00 horas) celebrarase a proba de relevos mixto, na que participarán equipos formados por dous homes e dúas mulleres que realizarán un mini-tríatlon. Cada deportista terá que facer 300 metros de natación, 6 quilómetros de bicicleta e 1,5 de carreira a pe. A principal novidade é que a natación nesta proba realizarase no río Pisuerga ao seu paso pola vila, de forma que será unha proba moi sinxela de seguir polo público.

Ano 2015. Galicia acadou a medalla de bronce no Campionato de España de Tríatlon Escolar por seleccións autonómicas, que se celebrou o pasado ano en Águilas (Murcia). Coa suma dos resultados das dúas xornadas, Galicia conseguiu a medalla de bronce, por detrás de Andalucía (campioa) e Madrid (prata). Na proba individual, Iria Rodríguez logrou a medalla de prata, mentres que Marcos Ruíz foi oitavo. Nos relevos mixtos, Galicia A logrou a cuarta posición.

 

 

 

 

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...