GÓMEZ NOYA, ALARZA E SUSANA RODRÍGUEZ PARTICIPARÁN ESTA FIN DE SEMANA NO TEST OLÍMPICO DE RÍO

30 de Xullo de 2015

Os galegos Javier Gómez Noya, Fernando Alarza e Susana Rodríguez participarán esta fin de semana no Test Olímpico que se celebrará en Río. Será, sen dúbida, unha moi boa oportunidade para coñecer o circuíto no que se disputarán os Xogos Olímpicos dentro dun ano. Por este motivo, en Río estarán as e os mellores triatletas e paratriatletas do mundo, un espectáculo único.

 

A viguesa Susana Rodríguez participará o sábado 1 de agosto (19:18, hora galega) na segunda proba clasificatoria para os Xogos Paralímpicos de Río, trala disputada hai unhas semanas en Francia (Iseo). En Iseo Susana logrou a prata na categoría de PT-5 (deportistas con deficiencias visuais) facendo un traballo espectacular, xa que se recuperou dunha caída na bicicleta para terminar na segunda posición a só trinta segundos da primeira clasificada. En Río estarán as mellores, polo que será unha proba dura para todas. Melissa Reid, Alison Patrick, Susana Rodríguez e Joleen Hakker son algunhas das máis destacadas. As distancias son de 750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 de carreira a pe.

 

A proba de elite masculina celebrarase o domingo 2 de agosto (17:30, hora galega) coa participación dos mellores triatletas do mundo. Na lista de saída atópase o campión olímpico Alistair Brownlee, o catro veces campión do mundo e prata olímpica Javier Gómez Noya, Fernando Alarza (terceiro na clasificación provisional do Mundial); Mario Mola (segundo na clasificación provisional do Mundial), Vincent Luis (gañador da última proba das Series Mundiais en Hamburgo), Dorian Coninx, Crisanto Grajales…. Moitos e destacados triatletas que teñen como principal obxectivo coñecer o circuíto olímpico. A natación (1.500 metros) celebrarase na praia de Copacabana, con augas quentes e moitas ondas. A continuación chegará o sector de ciclismo, que destaca por ser moi técnico, estreito e montañoso (40 quilómetros) e rematarán con 10 quilómetros de carreira a pe.

 

Quizáis che interese…