ARRANCA O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON NA CORUÑA

31 de Agosto de 2018

Hoxe celebrouse na Praza de María Pita o acto de presentación do Campionato de España de Tríatlon coa participación dos triatletas Uxio Abuín, Ricardo Hernández Marrero, Melina Alonso e Ibone Sánchez, e varios rapaces e rapazas do Club Ciclista Riazor. Foi un acto moi emotivo nun entorno privilexiado que serviu para dar inicio ao campionato.

Uxío Abuín explicou que lle fai moita ilusión disputar este campionato de España “na casa”  e asegurou que “chego nun bo momento de forma. Esta foi unha tempada complicada, con lesións, pero nas últimas semanas estou adestrando bastante ben preparando o Gran Final das Series Mundiais,  que se celebra dentro de dúas semanas. Esta proba, na que hai grandes rivais, vai servir para medir como me atopo”.

Melina Alonso  gañou o Campionato de España de Tríatlon na distancia sprint hai dous meses e agora enfronta o da distancia olímpica coa máxima ilusión: “Vencer en Banyoles foi unha sorpresa e unha motivación moi grande, polo que agora estou adestrando máis e con máis forza, así que espero facer un bo papel”.

Richi Hernández falou das súas intencións na proba: “Tentarei atacar na bicicleta para chegar a segunda transición con renta suficiente para intentar chegar á meta na primeira posición”. O que ten claro é que “hai que disfrutar sexa o que sexa o resultado”. Por último, Ibone destacou que está adestrando moi ben e con moita motivación e espero facer un bo campionato”.

O máis divertido chegou coas preguntas das nenas e nenos do Club Ciclista Riazor, que lles preguntaron canto sufren na auga, cal é a súa modalidade preferida ou se facían rodillo. E despois das resposta, houbo foto de familia cos nenos.

Así deuse o pistoletazo de saída ao campionato de España de Tríatlon de distancia Olímpica, que se celebrará esta fin de semana na Coruña. Mañá sábado celebraranse as probas de elite, mentres que o domingo terán lugar as de grupos de idade e paratríatlon.

A proba feminina comezará mañá ás 16:40 coa participación de case 70 triatletas e a baixa de última hora da galega Camila Alonso, con anemia e mononucleosis. Entre as favoritas Ibone Sánchez, Sara Bonilla, Joselyn Brea, Melina Alonso, Sara Guerrero ou Carmen Gómez.

A proba masculina comezará ás 19:10 horas, con Uxío Abuín e Richi Hernández Marrero, como principais favoritos. Ademais hai que destacar a participación dos galegos Alberto Castiñeira, Martín Carrera, Andrés Cendán ou o venezolana con licenza galega, Luismi Velásquez.

 

 

 

 

 

 

 

 

Quizáis che interese…

Abu Dhabi e Quarteira

Abu Dhabi e Quarteira

O venres comezaba unha fin de semana intensa seguindo os triatletas internacionais galegos....