UXÍO ABUÍN, PRATA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON DISTANCIA OLÍMPICA DA CORUÑA

1 de Setembro de 2018

Xisca Tous e Roberto Sánchez Mantecón proclamáronse hoxe, na emblemática Praza de María Pita da localidade de A Coruña, campións de España de Tríatlon na distancia olímpica, nunhas probas épicas pola intensa calor que soportaron as e os triatletas. Uxio Abuín logrou a medalla de prata na proba masculina, mentres que Melina Alonso foi sexta. Na categoría sub 23, Andrés Cendán logrou a medalla de bronce e na clasificación de clubs pratas para o Arcade masculino e o Cidade de Lugo Fluvial masculino.

 Elite feminina. Comezou a proba feminina co sol en todo o alto e unha temperatura altísima, que acusaron e moito as participantes. Na natación, que se fixo na zona do Parrote co Castelo de San Antón ao fondo, liderou a proba dende o inicio Anna Flaquer, con María Ortega moi preto. Iso si, marcaron un ritmo moi forte polo que o grupo se estirou moito e iso provocou un corte na primeira transición. Formouse un primeiro grupo con nove deportistas de enorme calidade, polo que parecía que podería consolidarse. No pelotón de cabeza estaban as galegas Carmen Gómez e Melina Alondo, xunto a María Rico, Cecilia Santamaría, Francisca Tous, Kseniia Levkovska, Ana Mariblanca, Rafelix Noemí de los Ángeles e Claudia Pérez. Volta a volta, pasando pola espectacular Praza de María Pita, as distancias foron medrando ata chegar a preto de tres minutos na segunda transición.

Parecía claro que a gañadora debía estar neste primeiro grupo, pero había que rematar a proba e decidir cómo se dividía o podio do campionato de España. Nunha rapidísima transición, Cecilia Santamaría, Melina Alonso e Xisca Tous lograron uns segundos de vantaxe sobre Carmen Gómez e Ana Mariblanca, que loitaron por pegarse a elas. E así, tras cumprirse a primeira volta da carreira a pe o grupo quedou reducido a cinco deportistas (Tous, Santamaría, Alonso, Levkovska e Gómez), e con Ana Mariblanca, sen descolgarse de todo.

Na segunda volta formouse un trío en cabeza, formado por Kseniia Levkovska, Cecilia Santamaría e Francisca Tous, mentres que Melina Alonso ía cuarta e Carmen Gómez parecía sufrir na sexta posición. As últimas voltas foron moi duras para as galegas, que foron perdendo folgos e posicións, mentres que a ucraína Levkovska logrou distanciarse en cabeza para vencer a proba con claridade, cun tempo final de 2:07:57.

Pero o que se decidía hoxe era o título de campioa de España e estivo nunha dura loita entre Cecilia Santamaría e Xisca Tous, que se decidiu a favor da segunda na última volta. Así Tous logrou o título de campioa de España cun tempo de 2:08:05, mentres que a prata foi para Cecilia Santamaría, que foi superada na liña de meta por Joselyn Brea, que fixo unha remontada espectacular na carreira a pe para chegar á meta na terceira posición da proba. O bronce no campionato de España foi para Ana Mariblanca, que competiu con problemas na cadeira e que logrou esquecer a dor para centrarse na proba e alcanzar esa medalla de bronce. Finalmente Melina Alonso foi oitava na proba (sexta no campionato de España) e Carmen Gómez, doudécima (novena no Campionato de España), nun final agónico.

Elite masculina. A proba masculina comezou cando o sol xa baixara e as condicións meteorolóxicas eran moito máis benévolas. Na natación formouse un grupo nutrido, pero moi estirado, e así saíron da auga con Ander Noain, Alberto Castiñeira, Uxío Abuín ou Andrés Cendán, entre os mellores.

Comezou a bicicleta cun primeiro grupo moi estirado de 15 homes, entre os que se atopaban os favoritos (Richi Hernández, David Castro, Uxío Abuín) e catro galegos dando a cara (Abuín, Cendán, Castiñeira e Brión).  Foi complicado abrir distancias, xa que os dous grupos ían a un ritmo endemoniado, pero con moito esforzo a distancia foi medrando: 20 segundos mediado o segmento, e case dous minutos (1:50) na segunda transición, nun grupo que creceu, xa que se incorporou Roberto Sánchez Mantecón.

Na saída da T-2, Ignacio González (andaluz do Arcade) saiu en cabeza, con Uxío Abuín na cuarta posición e todos moi estirados. González e Roberto Sánchez Mantecón lograron escaparse uns segundos sobre Uxío Abuín, ata que Sánchez Mantecón deu un paso adiante e atacou para irse en solitario cara a liña de meta.

Aínda quedaba máis da metade do percorrido a pe, pero Sánchez Mantecón parecía imparable e así foi. O valenciano logrou proclamarase campión de España cun tempo de 1:50:59. A segunda posición foi para o galego Uxío Abuín (1:51:08), que logrou remontar e superar a Ignacio González (1:51:14). Ademais hai que destacar a sétima posición de Andrés Cendán (1:52:42); a 14ª de Martín Carrera e a 15ª de Carlos Brión.

Resto de clasificacións

CLUBS MASCULINOS

1º.-FASTTRIATLON CN MONTJUIC

2º.- ARCADE INFORHOUSE

3º.- UNIVERSIDAD DE ALICANTE
 
CLUBS FEMININOS
 
1º. DIABLILLOS DE RIVAS
2º.- CIDADE DE LUGO FLUVIAL
3º.-SALTOKI DIQUESI TRIKIDEAK
 
 
SUB 23 FEMININO
 
1ª. CECILIA SANTAMARIA
2º NOELIA JUAN
3º IRENE LOIZATE
 
SUB 23 MASCULINO
1º.- ROBERTO SÁNCHEZ MANTECÓN
2º. NACHO GONZÁLEZ
3º. ANDRÉS CENDÁN

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...