O domingo 18 de marzo celebrarase o IV Dúatlon Concello de Riveira – Memorial Jesús e Vicente, terceira e última proba do Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2017, no que participarán case 240 deportistas. Esta proba realízase en memoria de dous triatletas do Natación Ribeira, Jesús Huerta e Vicente Hernández, falecidos hai uns anos.
Entre os favoritos na proba masculina destacan o gañador en Riveira do pasado ano, Brais Canosa (Arcade Inforhouse); Carlos Brión (Natación Riveira), Juan Sebastián Díaz (Tríatlon Poio), Ismael López (Cidade de Lugo Fluvial), Iago Lorenzo (Tri-Penta Terras de Lugo) ou Brais Misa (Atletismo Porriño). Mentres, Edymar Daniely Brea (Tri-Penta Terras de Lugo), Tania Garabatos (Olímpico de Vedra), Emma Romero (Tríatlon Ferrol), Balbina Tarrío (Tríatlon Arteixo) ou Estefanía Abeledo (Tríatlon Arteixo) serán algunhas das protagonistas da proba feminina. En Riveira tamén se celebrará a proba para deportistas con diversidade, de forma que participarán na mesma Susana Rodríguez Gacio (Mar de Vigo), na categoría PTVI, para deportistas con discapacidades visuais, que competirá xunto á súa nova guía Paula García Godino, e Aaron Ortiz Benito (Tríatlon Mercantil Pontevedra).
A proba terá catro saídas: A proba feminina comezará ás 12:00 horas, a saída de paratríatlon será as 10:40 e hai dúas saídas masculinas (ás 10:30 e 11:50 horas). A saída, transición e meta estarán instaladas na Praia do Coroso e as distancias serán de 5 quilómetros de carreira a pe, 20 de bicicleta e 2,5 de carreira.
Ano 2017. Sara Guerrero (Náutico de Narón) e Brais Canosa (Arcade Inforhouse) proclamáronse vencedores do Dúatlon Concello de Riveira Memorial Jesús e Vicente, terceira proba do Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2017.
O Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2018 estaba formado inicialmente por 4 probas (Cidade de Lugo, Cidade de Santiago, Concello de Riveira e Cidade de Vigo), pero ao ter que suspenderse o Dúatlon de Vigo polo cambio de data do Campionato de España de Boiro e ante a falta de datas libres, finalmente o circuíto queda reducido a tres probas, que son clasificatorias para o Campionato Galego do 14 de abril en Narón. Ao ser tres as probas clasificaranse en cada unha delas 29 deportistas segundo as condicións aprobadas no Regulamento de Competicións FEGATRI 2018. Brais Canosa (Arcade Inforhouse) e Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) proclamáronse vencedores do XXVIII Dúatlon Cidade de Lugo, e Antonio Serrat e Edymar Daniely Brea (ambos do Tri-Penta Terras de Lugo) gañaron o XVI Dúatlon Cidade de Santiago.