GRAN PARTICIPACIÓN DE TRIATLETAS GALEGOS NA COPA DE EUROPA DE TRÍATLON DE GRAN CANARIA

15 de Marzo de 2018

Galicia estará magníficamente representada na primeira Copa de Europa de Tríatlon desta tempada, que se celebrará o domingo 18 de marzo en Gran Canaria. Ademais da Copa de Europa, tamén se disputará un clasificatorio para o Campionato de España e unha proba popular.

A elite feminina comezará ás 13.15 horas con sete galegas no pontón de saída. Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) logrou o bronce o pasado ano, pero chega a esta tempada despois dunha lesión e leva só un mes correndo, polo que non está no mellor momento físico, pero enfronta a proba como un reto para medirse. Ademais, tamén competirán Camila Alonso (Tríatlon Ferrol), que o pasado ano foi quinta; Inés Santiago (Tríatlon Ferrol), na que será a súa primeira proba do ano e que quere loitar por esta no top-10; Sara Guerrero (Náutico de Narón) e Carla Castaño (Arcade Inforhouse), que debuta nunha Copa de Europa.

Nesta proba tamén participarán as júnior Inés Castaño (Arcade Inforhouse) e Iría Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial), que nesta oportunidade competirán coas sénior para coller un pouco de experiencia internacional. E non podemos esquecer a Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo), venezolana con licenza galega, que quere ver a súa evolución na natación para poder competir coas mellores.

A Copa masculina (14:45 hora local) terá importantes nomes entre os que destacan algúns dos nosos deportistas coma Uxío Abuín (gañador do circuíto europeo) ou Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo). Ambos loitan por meterse nas Series Mundiais e para iso teñen que facer bos resultados nas probas internacionais que disputen. Este ano Uxío xa participou na primeira proba das Series Mundiais en Abu Dhabi. Pero non serán os únicos representantes galegos. Na lista de inscritos están ademais Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial), que tentará sumar puntos ITU para o ranking.

A proba celebrarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe) e a natación será no peirao de Santa Catalina.

2017. O pasado ano Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) e Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) lograron subirse ao último chanzo do podio na Copa de Europa de Gran Canaria, mentres que Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) foi quinta.

Quizáis che interese…