CATRO MEDALLAS GALEGAS NA XII COPA ATLÁNTICA INTERNACIONAL DE PÉNTATLON MODERNO

14 de Xullo de 2014

A selección galega logrou un total de catro medallas na XII Copa Atlántica Internacional Youth de Péntatlon Moderno, que se disputou esta fin de semana en Azeitão (Portugal).

Na categoría benxamín houbo un cambio, xa que na combinada as e os participantes fixeron primeiro o tiro en parado e posteriormente a carreira a pe. Mercedes Vila logrou a medalla de prata, mentres que Claudia Gámez logrou o bronce. Ademais Ainhoa Corral e Óscar López foron quintos. En alevín masculino, Lucas Pena logrou a medalla de bronce, mentres que en infantil Javier Pena foi cuarto e 14º Manu Sotelo.

Na categoría cadete hai que destacar o quinto posto de Martín Freije, cunha moi boa combinada, nunha categoría que non lle corresponde por idade (é campión de España infantil). Ademais esta proba foi un bo test para el, que participará coma invitado no Campionato de Europa Cadete en Cataluña. En cadete tamén participou Yolanda Rodríguez, que ocupou a sétima posición.

E xa para rematar, destacar que Aroa Freije foi a segunda clasificada na categoría xuvenil. Aroa realizou unha boa competición, pero foi superada por unha inglesa que fixo unha espectacular esgrima adiantando incluso a tódolos participantes masculinos (21 vitorias de 22 posibles).

A Copa Atlántica foi o peche de tempada de Péntatlon Moderno para case todos os deportistas, coa excepción de Aroa e Martín Freije. A Aroa aínda lle quedan tres grandes competicións: Os Campionatos de Europa Cadete e Xuvenil, así coma os Xogos Olímpicos da Xuventude, mentres que Martín Freije participará no Europeo cadete coma invitado, en calidade de campión de España infantil.

 

 

 

 

 

Quizáis che interese…

Política de cookies

Este sitio web usa cookies para que lle poidamos ofrecer a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no seu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volve ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web lle resultan máis interesantes e útiles.