ESTA FIN DE SEMANA CELEBRARASE EN ASTURIAS O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR CLUBS

22 de Setembro de 2016

Esta fin de semana (24 e 25 de setembro)  celebrarase en Xixón (Asturias) o Campionato de España de Tríatlon por Clubs de Primeira División, Segunda División e Promoción (quinta xornada da Liga Nacional de Clubs) coa participación de máis de cen equipos e aproximadamente mil deportistas. Na Primeira División, tanto masculina como feminina, haberá representación galega que loitará polos primeiros postos.

Na Primeira División, que se celebrará o domingo 25, haberá unha destacada presenza de clubs galegos. A proba feminina comezará ás 12:00 horas, coa participación do Cidade de Lugo Fluvial (prata en 2015), Arcade Inforhouse e Tríatlon Ferrol (ascendido o pasado ano), representando ao tríatlon galego. A proba masculina, que comezará ás 13:30 horas, contará con dous clubs galegos: Arcade Inforhouse (prata o pasado ano) e Cidade de Lugo  (que logrou o ascenso o pasado ano). No 2015 o Diablillos de Rivas acadou o título en ambas categorías.

Cada entidade debe presentar un equipo formado por un mínimo de 8  deportistas e un máximo de 10 e puntúan todos os participantes. A proba disputarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación na praia de Poniente, 20 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe).

 Segunda División e Promoción. Na segunda División, que se celebrará o domingo a primeira hora, non haberá representación galega.

O sábado 24 terán lugar as probas de promoción. Na categoría masculina (19:00 horas) participarán un total de 28 equipos dos cales cinco (Natación Riveira, Tríatlon Ferrol, Olímpico de Vedra, Tríatlon Arteixo e Mar de Vigo) son galegos. Na promoción feminina (15:00 horas) hai unha inscrición de 19 equipos dos cales 4 son galegos (Tri-Penta Terras de Lugo, Club Ciclista Riazor, Olímpico de Vedra e Mar de Vigo).

Ademais o sábado tamén se celebrarán o Tríatlon Popular de Xixón e o Tríatlon da Muller, cun total de 300 participantes.

Resultados 2015. Os clubs galegos tiveron un destacado papel no Campionato de España de Tríatlon por clubs que se celebrou o pasado ano en  Águilas (Murcia). O Cidade de Lugo Fluvial acadou a prata na categoría feminina, mentres que o Arcade Inforhouse logrou tamén o segundo posto na masculina. Ademais, hai que destacar os ascensos a Primeira División de Tríatlon Ferrol (feminino) e Cidade de Lugo Fluvial  (masculino).

 

 

 

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...