O SÁBADO 24 CELEBRARASE O IV DESAFÍO PASTOR ILLAS CÍES

22 de Setembro de 2016

Máis de catrocentos deportistas participarán  o sábado 24 de setembro na cuarta edición do Desafío Pastor Illas Cíes e o II Acuatlón Desafío Illas Cíes. Este ano repite como padriño o  pentacampión do mundo, Javier Gómez Noya, que non competirá na proba xa que aínda está recuperándose da lesión que lle impediu participar nos Xogos de Río.

O programa de probas comezará o sábado 24 de setembro (a primeira saída será ás 08:30 horas) coa disputa do IV Tríatlon Popular Illas Cíes, no que están inscritos 315 deportistas. Na proba masculina destacan Ricardo Rey (NoSportLimit) –gañador das dúas primeiras edicións desta proba-,  Cristóbal Dios (Tri-Penta Terras de Lugo) ou Ismael López (Tríatlon Vilagarcía) entre outros, mentres que na feminina está inscrita a actual campioa desta proba, María Ortega (Tri-Penta Terras de Lugo), así coma Marta Barbeito (A.D. Fogar) ou María Martínez (Atletismo Porriño). Ademais tamén competirá na proba a paratriatleta galega Susana Rodríguez (Mar de Vigo), recentemente chegada de Río.

As distancias nesta proba son 1,9 quilómetros de natación, 90 quilómetros de bicicleta e 21,1 de carreira a pe, nun entorno privilexiado na ría de Vigo. A saída, transicións e meta estarán ubicadas na Praia do Vao.

No II Acuatlón Desafío Illas Cíes, que comezará a partir das 17:15 horas, están inscritos un total de 100 deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. As distancias serán diferentes dependendo da categoría: En benxamín os rapaces deberán facer 250 metros de carreira, 100 metros de natación e 250 de carreira a pe; mentres que en alevín as distancias son de 500 metros de carreira, 200 de natación e 500 de carreira. Os infantís farán 1.000 – 400 – 1.000 e as distancias para os cadetes serán de 1.500 – 500 -1.500.

2015. Na edición do pasado ano proclamáronse campións do III Tríatlon Desafío Illas Cíes María Ortega (Tri-Penta Terras de Lugo) e Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo).

Quizáis che interese…