FERNANDO ALARZA, NA PRIMEIRA PROBA DAS SERIES MUNDIAIS EN ABU DHABI ESTA FIN DE SEMANA

3 de Marzo de 2016

  Esta fin de semana comeza a loita polo título mundial, actualmente en poder do galego Javier Gómez Noya. A primeira proba das Series Mundiais 2016 celebrarase esta fin de semana  en Abu Dhabi, coa participación de Fernando Alarza, que emprende unha campaña fundamental para acadar a súa clasificación para os Xogos de Río. A proba será retransmitida pola TVG (sábado 5 de marzo, 10:00 horas a través da web e 16:30 horas, TVG2). Javi Gómez Noya, pentacampión do mundo e coa praza para os Xogos asegurada, non participará nesta proba. O ferrolán xa manifestou en numerosas ocasións que este ano a preparación estará centrada en Río.

A primeira proba do Mundial terá ademais un toque de emoción moi importante. Ningún deportista lucirá o dorsal número 1, que será para Laurent Vidal, falecido hai uns meses de forma repentina, unha persoa moi querida na familia do tríatlon.

A proba deste ano en Abu Dhabi celebrarase na distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 de ciclismo e 10 de carreira a pe) nun trazado completamente chairo. Entre os favoritos, Mario Mola e o propio Fernando Alarza, que o pasado ano fixo unha campaña excepcional. Inicia o ano cunha idea clara: Loitar por esa praza nos Xogos Olímpicos e para iso ten que estar ao máximo nivel dende o principio. Alarza (Tri-Penta Terras de Lugo) adestra no Grupo de Alto Rendemento do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e con ficha galega, baixo as ordes de Omar González.

As Series Mundiais de Tríatlon 2016 están formadas por nove probas que se disputarán en Abu Dhabi, Costa Dourada (Australia), Cidade do Cabo (Suráfrica), Yokohama (O Xapón), Leeds (Gran Bretaña), Estocolmo (Suecia), Hamburgo (Alemaña), Edmonton (Canadá) e Cozumel.

Quizáis che interese…

Challenge Mogán Gran Canaria

Challenge Mogán Gran Canaria

LoChallenge Mogán Gran Canaria Mañá sábado 24 de Abril, Pablo Dapena e Ivan Raña competirán cos millores triatletas de...