GÓMEZ NOYA, FERNANDO ALARZA E NAN OLIVERAS PARTICIPARÁN NA PROBA DAS SERIES MUNDIAIS DE TRÍATLON EN HAMBURGO

10 de Xullo de 2014

Hamburgo acollerá esta fin de semana a sexta proba das Series Mundiais de Tríatlon, coa presenza dos galegos Javier Gómez Noya, Fernando Alarza e Nan Oliveras. O ferrolán buscará o sábado 12 de xullo (a partir das 18:15 horas) un novo triunfo que certifique o título mundial do 2014, mentres que Fernando Alarza e Nan Oliveras buscarán puntos para o ranking ITU. Ademais, o domingo celebrarase o Campionato do Mundo de relevos mixtos.

Gómez Noya chega a esta proba con moita vantaxe na clasificación provisional, xa que sumou catro vitorias (Auckland, Ciudad del Cabo, Yokohama e Chicago) nas cinco primeiras probas. Nestes intres parece que o español Mario Mola é o principal rival, e ademais en Hamburgo terá a “vantaxe” de que a proba será sobre a distancia sprint, o cal se adapta moito mellor as súas características. Nesta proba tamén estarán os irmáns Jonathan e Alistair Brownlee, que engaden moito nivel á proba. Na clasificación provisional do Mundial, Javi Gómez Noya ten 3.742 puntos, mentres que o segundo, Mario Mola, conta con 3.322.

Ademais, en Hamburgo estarán Fernando Alarza e Nan Oliveras, que adestran no Centro Galego de Alto Rendemento xunto a Omar González. Ambos teñen o obxectivo de seguir sumando puntos no ranking mundial, aínda que o quinto posto de Alarza en Chicago amosa que está en condicións de loitar cos mellores.

Hamburgo acollerá tamén a disputa do Campionato do Mundo de relevos mixtos, que terá lugar o domingo 13 de xullo (16:35 horas). Será a quinta edición desta especialidade, na que os triatletas (dous homes e dúas mulleres) realizarán un mini-tríatlon. Aínda non se coñecen os nomes dos integrantes dos equipos, que non se darán a coñecer ata o sábado.

Quizáis che interese…

Montreal

Montreal

Montreal acolle unha nova cita das Series Mundiais e o Campionato do Mundo Junior de Tríatlon....